Visitas de persoas investigadoras (2026)
- 30
- Abr
- 26
Carracedo achega o “libro da vida” ao IES Chan do Monte
O xenetista Ángel Carracedo visitou o IES Chan do Monte de Marín o pasado día 30 de abril nun encontro próximo e cheo de curiosidade, onde a ciencia se mesturou coa emoción de aprender e co pracer de escoitar.

Xubilado como Catedrático de Medicina na USC, Carracedo continúa moi activo como coordinador do programa IMPaCT Xenómica e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, desde onde impulsa o ambicioso estudo do mapa xenómico de centos de miles de galegos. Acompañado pola doutora en Medicina Molecular María Soledad Otero Piñeiro, o investigador mostrou desde o primeiro momento a súa cercanía co alumnado.
No instituto foron recibidos cun ambiente cálido e atento, e presentados polas nosas alumnas Olalla e Celia, que fixeron un percorrido pola súas traxectorias vitais e profesionais.

A actividade, que foi organizada polo EABE Os labirintos de Mogor do IES Chan do Monte, baixo a coordinación da profesora Susana Montes do Departamento de Ciencias Naturais, destacou pola alta participación e interese do alumnado. Durante unha hora, o salón de actos converteuse nun espazo vivo, cheo de preguntas, risas e reflexións compartidas. Carracedo foi adaptando as súas explicacións ás distintas inquedanzas, pois había alumnado de distintos niveis educativos.
Tentando tecer redes de colaboración con outras bibliotecas públicas escolares, foron convidados a asistir ao faladoiro discentes do IES Mestre Landín, no marco das actividades compartidas polos EABE de ambos os dous centros, co obxectivo de transformar o saber humano nalgo accesible e cotián, e para consolidar as bibliotecas escolares públicas da contorna como auténticos viveiros de cidadanía e de recursos.
O libro da vida
Nun dos momentos máis suxestivos, comparou a cadea xenómica cun libro da vida que cada persoa leva escrito nas súas células onde as páxinas se converten en auténticas vetas do tesouro que levamos dentro. Falou de como a ciencia vai aprendendo a lelo e mesmo a interpretalo mellor co paso do tempo. Tamén compartiu avances xa cotiáns, como poden ser as probas non invasivas que permiten coñecer información das crianzas antes de nacer, sen necesidade de técnicas máis agresivas como a amniocentese.

Ciencia con rostro humano
Atendendo ás inquedanzas do alumnado, o científico abordou tamén a Medicina Forense, unha das súas especialidades, e centrou a atención en casos coñecidos que espertaron grande interese mediático. Un xogo guiado pola súa compañeira de relatorio, María Soledad Otero Piñeiro, permitiu ao alumnado descubrir curiosidades propias sobre trazos determinados xeneticamente. Houbo espazo, ademais, para falar das neurodiverxencias, como o TDAH, e destacar a importancia de comprendelas e valoralas.
Para pechar o acto, Ángel M. Carracedo quixo lembrar tamén o papel fundamental de profesionais diversos na ciencia, desde os equipos informáticos ata o persoal técnico, e concluíu cuns sinxelos e sentidos consellos para o alumnado, entre outros, dedicar a vida a aquilo que realmente nos faga felices.