Visita Erasmus+ a Reykjavik

Despois dunha longa relación marcada pola pandemia entre a biblioteca do noso centro e o Menntaskólinn við Hamrahlíð, logramos levar a cabo a visita a un dos mellores centros educativos islandeses. O contacto iniciouse no 2020 grazas a Elías Knörr, recoñecido poeta considerado un dos mellores poetas islandeses, e se desenrrolou logo con Thorhalla Steinthórdóttir, profesora de Inglés, Dagný S. Jónsdóttir, directora da Biblioteca e Anna Lilja Torfadóttir, ás que agradecemos a súa profesionalidade o amosarnos o funcionamento do centro, non só na biblioteca senón organizando a nosa asistencia a clases de materias ben diversas.

Zoa de traballo grupal na Biblioteca. O mural ao fondo foi pintado por unha alumna do centro que gañou o concurso.

A escola, fundada en 1966, ten como obxectivo cultivar e promover a participación do alumnado nunha sociedade democrática creando un espazo de aprendizaxe notablemente centrado nos estudantes e brindando un amplísimo abano de programas de estudo. O alumnado ten liberdade para elexir as materias do seu interese, que inclúen a danza, a música ou linguas coma o xaponés, o danés ou o español, e os horarios flexibilízanse ata o punto de ser individuais. Ademáis do programa Stúdentspróf, ofrecen o Bacharelato Internacional IB.

A Biblioteca ocupa un lugar privilexiado na planta superior, sendo como é o corazón do centro. Proporcioa un excelente ambiente tanto para o traballo individual coma en grupo, de xeito independente ou baixo supervisión do profesorado. Conta con zoas ben delimitadas: cabinas para traballar no ordenador en silencio, sillóns insonorizados, carro para a grabación de podcasts ou recunchos de lectura pracenteira.

Pilar C. Coello encantadora profesora de español e galega. Como non!

E pracenteiro foi escoitar o coro do Menntaskólinn við Hamrahlíð, gañador de premios a nivel internacional, que crea unha magnífica conexión entre todos os membros da comunidade escolar, na festa da entrada do verán, a chegada da luz. As voces foron chegando por doquier enchendo Miklagarður ante o respetuoso silencio dos compañeros. Cantaron cinco fermosas cancións baixo a dirección de Hreiður Ingi Þorsteinsson antes de que o coro voltase mezclarse cos compañeiros e profesorado para entoar xuntos “Ó blessuð vertu sumarsól”.

Festival de verano

O camiño queda feito e as portas abertas para o inicio dun posible intercambio de alumnos. Se fun quen de espertar o voso interés por Islandia, o seu sistema educativo, a súa cultura e en concreto polo Mentaskölinn, deíxovos uns links.

https://www.mh.is/is/skolinn/skolinn-og-starfid/saga-skolanshttps://www.mh.is/is/bokasafn/baekur/nyjar-baekur

https://www.lonelyplanet.es/europa/islandia/cultura

Rosa María Villar Villamil

Coordinadora do Equipo de Biblioteca