Sesións dos clubs de lectura LM I e LM II (2025)
- 19
- Dec
- 25
Nestas últimas semanas previas ao descanso de Nadal, os clubs de lectura Labirinto de Mogor I e Labirinto de Mogor II do IES Chan do Monte realizaron as súas reunións lectoras para falar entre iguais e compartir as nosas inquedanzas e emocións derivadas da lectura das diferentes obras literarias que seleccionamos para esta avaliación e que foron anunciadas na nosa conta de IG, despois de realizar a primeira reunión inicial o 5 de novembro.




Así, guiado polo noso profesorado mediador, o club de lectura Labirinto de Mogor I, pensado para o noso alumnado, reuniuse por grupos para falar e valorar as tres obras seleccionadas. Así, o grupo de 1º e 2º ESO falou sobre A lavandeira de San Simón da escritora galega Eva Mejuto, coas ilustracións de Bea Gregores. Pola súa banda, o grupo de 3º e 4º ESO compartiu a súa experiencia lectora co manga Una sonrisa hasta el fin del mundo da mangaka Yellow Tanabe. Finalmente, as nosas alumnas de 2º BAC achegáronse para falar e realizar a súa excelente análise d’ A metamorfose de Franz Kafka.
As sesións decorreron os días 2 e 19 de decembro, no espazo para a lectura da biblioteca e no espazo para a lectura conxunta que montamos o anterior curso académico.



Como novidade, este ano o EABE decidiu crear o librómetro do club de lectura LM1 da BE Os labirintos de Mogor. Para isto deseñouse un formulario en papel para realizar unha breve valoración de cada obra lida, durante os minutos finais de cada sesión. Con ese material, extraeremos e analizaremos diferentes datos para facer desta rutina e dinámica lectora unha experiencia máis ampla e que teña repercusión na nosa comunidade educativa, a través da recomendación e análise das obras literarias. Así, o librómetro contribuirá, en última instancia, a mellorar a Alfabetización Mediática e Informacional do alumnado do club de lectura LM1 e permitirá achegar á nosa comunidade educativa novas perspectivas das actividades que realizamos.
Pola súa banda, o club de lectura Labirinto de Mogor II, destinado a persoas adultas da nosa comunidade educativa, realizou a súa reunión o día 10 de decembro para departir sobre a obra Mulleres que viven xuntas da escritora galega Abril Camino, que vén de ser galardonada XLII Premio Xerais de Novela.


Por que son tan importantes para a nosa comunidade educativa?
As sesións dos clubs de lectura constitúen dinámicas lectoras compartidas que van máis alá do libro seleccionado. Fomentan a escoita activa, a empatía e a alteridade, ao permitir comprender outras voces e puntos de vista. A través do diálogo e do intercambio de ideas, crean comunidade e tecen redes de apoio, ao convertir a lectura nunha experiencia colectiva.
Nos club de lectura democratízase a lectura ao facer dos libros un espazo aberto e plural. Desde esta óptica, ler deixa de ser un acto individual para transformarse nun hábito social, dinámico e enriquecedor, que axuda a tecer redes de apoio e a crear comunidade educativa.

