Sesións de lectura dos clubs de lectura LM I e LM II (2026)
- 26
- Feb
- 26
Nestas semanas iniciais do ano, despois do descanso de Nadal, os clubs de lectura Labirinto de Mogor I e Labirinto de Mogor II do IES Chan do Monte realizaron as súas reunións lectoras para dialogar entre pares e compartir as emocións e pensamentos derivados da lectura das obras literarias que foron seleccionadas para esta avaliación e que son anunciadas na nosa conta de IG ou a través de Abalar.




Club de lectura Labirinto de Mogor I (alumnado)
Guiado polo profesorado mediador, o club de lectura Labirinto de Mogor I, destinado a alumnado, reuniuse por grupos para falar e valorar as tres obras seleccionadas: En primeiro lugar, as nosas alumnas de 2º BAC achegáronse para departir sobre A revolta dos animais de George Orwell. Pola súa banda, o grupo de 1º e 2º ESO falou sobre A proba de auga de Anémona de Río. Alén disto, o grupo de 3º e 4º ESO compartiu a súa experiencia lectora sobre A lavandeira de San Simón da escritora galega Eva Mejuto e ilustracións de Bea Gregores.
As sesións decorreron os días 29 de xaneiro (BAC) e o 10 de febreiro (ESO), durante os recreos, respectivamente, no espazo para a lectura da biblioteca e no espazo para a lectura conxunta.




Club de lectura Labirinto de Mogor II (profesorado)
Pola súa banda, o club de lectura Labirinto de Mogor II, destinado a persoas adultas da nosa comunidade educativa, realizou a súa reunión o mércores 25 de febreiro para falar sobre a novela Oito días sen Eva Cortes da escritora galega Sara Vila Alonso, galardonada con V Premio Illa Nova de Narrativa do ano 2021.


Rutinas lectoras que crean comunidade educativa
Cres que a lectura pode transformarse nun hábito social, dinámico e enriquecedor? Gústache coñecer a visión do mundo que teñen outras persoas? Sabes que podes unirte aos nosos clubs de lectura na seguinte sesión se che apetece facelo? Non o dubides e participa na nosa comunidade lectora!