IES Chan do Monte

Saída cultural ás vilas de Padrón e Compostela (2025)

Durante a xornada de mércores 22 de outubro, o alumnado de 1º BAC e de 4º ESO do IESCDM realizou unha saída cultural ás vilas de Padrón e Compostela, organizada polo EABE, o EDLG e os Departamentos de Lingua Castelá e Literatura, Ciencias Naturais, Lingua e Literatura Galega e Matemáticas. 

Nesta actividade interdepartamental, o alumnado completou diferentes estacións didácticas co obxectivo de contribuír na adquisición das súas competencias clave. 

En primeiro lugar, visitaron a Fundación Pública Galega Camilo José Cela, na vila de Padrón, para se achegar á vida e obra do autor e percorrer, así mesmo, o Museo do Ferrocarril John Trulock, avó do escritor e director xerente da compañía que dirixiu o primeiro ferrocarril galego en 1873.

Ao mediodía, o noso alumnado visitou as instalacións do Instituto Galego de Estatística (IGE) sitas no Complexo Administrativo de San Lázaro, en Santiago de Compostela. Nesta segunda estación, os nosos discentes realizaron unha actividade didáctica na cal puideron pór en práctica diferentes aspectos da súa ALFIN/AMI, como contrastar as fontes estatísticas fiables elaboradas polo IGE, para poder refutar diferentes preconceitos sobre diversas cuestións relacionadas co Concello de Marín, como cal é a poboación exacta, como é a súa pirámide poboacional ou cal é o sector económico con máis persoas en activo.

Por último, o alumnado dirixiuse ao Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura, para realizar, en diferentes quendas, dúas visitas guiadas relacionadas coas novas tecnoloxías e o mundo dixital. Deste xeito, o alumnado realizou unha viaxe no tempo de catro mil millóns de anos de evolución do noso planeta, grazas á realidade aumentada da actividade Orixes. Unha viaxe virtual a onde comezou todo. Alén disto, realizaron unha experiencia de arte dixital e achegáronse á figura de Afonso D. M. Rodríguez Castelao, a través da visita a Castelao. Mirar por Galicia, e así afondar na figura deste galego senlleiro no seu ano conmemorativo. Para pechar a xornada, a rapazada visitou a exposición Boris Savelev. Viewfinder, unha forma de mirar, para coñecer en primeira persoa a forma de ver o mundo a través da cámara deste coñecido fotógrafo ucraíno e afondar na empatía e na alteridade.

Veñan máis actividades interdisciplinares coma esta, onde pór en práctica a nosa ALFIN/AMI e onde coñecer a alteridade, porque continuamos medrando xunt@s arredor dos libros, da cultura e da información!