IES Chan do Monte Marín

Coa intención de concienciar á comunidade educativa e local sobre o impacto do fast fashion no medio ambiente, a economía e as condicións laborais, promovendo un consumo responsable (smart fashion) propuxemos empregar as etiquetas de roupa (tanto as de prezo como as interiores) como recurso educativo e creativo para traballar todas as cuestións vinculadas co consumismo, a sustentabilidade e a responsabilidade social.

A continuación describense ás actividades realizadas polo alumnado de cada curso.

O alumnado de primeiro curso de Actividades Comerciais fixo unha recollida de etiquetas de roupa entre toda a comunidade educativa, con elas como eixo vertebrador conseguiron crear un “escaparate inmersivo”: O teito do consumo. Trátase dun espazo físico cheo de etiquetas colgando do teito como unha nube densa sobre o recibidor do IES que representan o “peso” do consumismo, este traballo foi realizado no módulo de Dinamización do punto de venda. Ademais das etiquetas colgantes a instalación inclúe unha camiseta básica branca colgada (a prenda de roupa mais vendida do mundo) nun burro como peza central e unha etiqueta en gran formato que convida a reflexionar sobre a necesidade de ler antes de mercar. Nesta están indicados símbolos de lavado e os da composición que ben empregados garanten a durabilidade da prenda, tamén están indicadas as talles e os símbolos das ecoetiquetas.

Na recollida de etiquetas atopámonos coa valiosa contribución dunha alumna que conservou todas as etiquetas da roupa e dos complementos que mercou durante a pandemia da COVID-19, concretamente entre os anos 2020 e 2021. Ela identificou ese período como un momento de procura e construción da súa identidade persoal, no que a imaxe e a estética adquiriron unha especial relevancia.

Este achado serviunos como punto de partida para crear a silueta dunha moza anónima que busca a aspiracionalidade a través da súa imaxe, empregando a moda e os complementos como ferramentas de expresión, pertenza e definición de si mesma. Ao mesmo tempo, a peza pretende abrir unha reflexión arredor do gasto continuado en roupa e da dimensión insostible deste consumo, especialmente cando se produce nun contexto de procura de aceptación social e sentido de pertenza.

Resulta significativo que, pasado o tempo, a propia alumna xa non se sinta identificada con ningunha das marcas que consumía nese momento. Esta distancia evidencia o carácter cambiante das identidades construídas a través da moda e cuestiona a capacidade das marcas para ofrecer unha verdadeira pertenza, máis alá dun vínculo temporal e condicionado polas tendencias e pola necesidade de encaixar socialmente.

Coas etiquetas interiores obtívose unha gran cantidade de información: países de fabricación, quilómetros percorridos polas pezas, custo ambiental, composición dos tecidos, condicións de produción, entre outros datos. Toda esta información recollida quedou plasmada noutra das pezas do proxecto: A viaxe da túa camiseta, un mapamundi no que fíos vermellos conectan algúns dos principais países produtores de roupa coa nosa localización, facendo visible o percorrido global das pezas que consumimos a diario.

A proposta está inspirada na lectura colectiva da obra La vuelta al mundo de un forro polar rojo, de Wolfgang Korn, realizada por todo o alumnado de Actividades Comerciais. O libro convida a reflexionar sobre os procesos de produción e distribución da industria téxtil globalizada, así como sobre o impacto social e ambiental do consumo acelerado de moda. A instalación sintetiza esta idea nunha frase que interpela directamente ao público: “A túa roupa viaxou máis ca ti este ano”.

No módulo Técnicas de almacén o alumnado de segundo de Actividades Comerciais, creou infografías sobre o transporte de mercadorías a nivel internacional.

Por último, na cafetaría, e buscando provocar un impacto emocional a través da creatividade, preséntase a intervención As mans que cosen a túa roupa, unha instalación composta por distintas imaxes de traballadoras e traballadores do sector téxtil en diferentes países produtores.

Para esta proposta realizáronse siluetas dalgúns dos principais países fabricantes de roupa a nivel mundial. En cada unha delas incorporouse a bandeira correspondente e diferentes datos informativos sobre o país: superficie en km², poboación, media de idade e posición no índice de desenvolvemento humano. Ademais, engadíronse imaxes de fábricas téxtiles e información relacionada coas condicións laborais e sociais, como a fenda salarial, as xornadas de traballo, as vacacións pagadas, a idade de xubilación ou os anos estimados necesarios para alcanzar a igualdade.

O cartaz da exposición inclúe unha etiqueta real superposta e ao redor, preguntas directas ao público como: “Quen fixo esta peza?”, “En que condicións traballou?” ou “Canto cobrou por facela?”. A proposta establece un forte contraste visual entre as mans que producen a roupa —marcadas polo esforzo e pola precariedade— e a imaxe atractiva e aspiracional coa que a moda adoita presentarse nos escaparates e na publicidade.

A intervención busca xerar unha reflexión crítica no alumnado e nas persoas visitantes: detrás de cada etiqueta hai unha persoa, unha historia e unhas condicións laborais que, moitas veces, permanecen invisibles no proceso de consumo.

Pola súa parte, o alumnado do ciclo de Marketing e Publicidade, uniuse ao equipo de traballo de ConsuMENTE realizando unha análise comparativa da industria da moda nos países produtores e das problemáticas ambientais e sociais relacionadas coa moda rápida. Este análise realizouse en dúas fases:

Nun primeiro momento, analizaron á normativa aplicable en Europa, e en España, en materia de moda como país consumidor. Seguidamente, deberon valorar as políticas de responsabilidade social e corporativa de distintas empresas de moda. O obxectivo era apreciar, entender a diferenza entre o que as empresas de moda din que fan e o que en realidade fan. Asi como valorar a hipocresía dos países consumidores que poñen unhas normas de produción que non se poden garantir para a produción en terceiros países. Froito deste traballo de investigación, os estudantes presentaron unha memoria cos resultados e realizaron presentacións na aula.

Algún exemplos:

Unha vez vista a normativa existente en Europa, o alumnado debeu escoller un país no que a marca seleccionada previamente teña a súa produción para analizar a realidade normativa (en materia de condicións de traballo, seguridade, protección á infancia e coidado medioambiental) e, deste xeito poder sacar as súas conclusións.

Este traballo de análise da realidade laboral en terceiros países recolleuse nun documento que foi exposto na aula.

Algún exemplos:

Froito do traballo realizado, o alumnado foi quen de poder elaborar os seus propios carteis e/ou dípticos para difundir os achados da súa labor de investigación. Así mesmo, traballaron a creatividade creando campañas de contrapublicidade (empregando medios impresos e audiovisuais)

Algúns exemplos de cartalaria:

Algún exemplos de campañas de contrapublicidade:


Froito do traballo realizado, fíxose unha exposición na cafetaría do centro


Asi como no hall do centro onde, ademais, se expuseron os anuncios de contrapublicidade que fixeron os estudantes.

Por otra banda, realizaron todos un anuncio de televisión coa intención de desprestixiar ás marcas de roupa nas que traballaron.

Por último o alumnado de segundo curso de Marketing e Publicidade no módulo de Traballo de campo da investigación comercial participou activamente no proxecto Galicons- ConsuMente a través da investigación titulada “Hábitos de consumo de roupa entre o alumnado do IES Chan do Monte”

O punto de partida é o mesmo que para os cursos de AC1 e AC2, porque ningunha investigación de mercado comeza sen coñecer o produto. A fase previa de sensibilización baseouse tamén no visionado de breves pezas documentais impactantes como El inmenso “basurero del mundo” de ropa usada en el desierto de Atacama. A partir desta base, o alumnado investigou sobre consumo e moda, para detectar as necesidades informativas antes de deseñar a súa propia investigación.

Actuando como unha axencia de investigación, realizáronse procesos de selección para os distintos postos que o traballo de campo na investigación comercial precisa e organizando os recursos. A investigación esixiu a redacción dun cuestionario profesional, no que o alumnado aplicou técnicas de deseño de preguntas (escalas Likert para medir desconfianza, filtros para a mostra e variables de control) e realizou o necesario pretest para validar que o instrumento fose eficaz e non contivese sesgos interpretativos.

Aínda que inicialmente se considerou o uso de técnicas CAWI (Computer Assisted Web Interviewing) e CAPI (Computer Assisted Personal Interviewing) para optimizar a dixitalización de datos, finalmente optouse pola metodoloxía PAPI (Paper and Pencil Interviewing). Este cambio de estratexia respondeu á necesidade de garantir unha maior taxa de resposta e asegurar a representatividade da mostra presente no centro educativo. O traballo de campo estruturouse do seguinte xeito:

  • Técnica de recollida: Enquisa autoadministrada en formato físico (papel).
  • Procedemento de mostraxe: Realizouse unha mostraxe por conglomerados (aulas), seleccionando os grupos naturais existentes no centro o día da administración.
  • Loxística de campo: O alumnado investigador distribuíuse en equipos de traballo para realizar unha administración presencial e simultánea nas diferentes aulas, asegurando o control das variables externas e resolvendo dúbidas en tempo real.
  • Vantaxes técnicas: Este método permitiu captar á totalidade dos estudantes asistentes nesa xornada académica, minimizando o nesgo de non resposta que adoitan presentar as enquisas dixitais enviadas por ligazón.

A fase posterior de tabulación permitiu ao alumnado aplicar o control de calidade esixido no módulo: limpeza de datos brutos, filtrado de cuestionarios incompletos e organización da matriz de datos para o seu posterior tratamento estatístico.

Os principais resultados poden visualizarse no IES e tamén en: https://gemini.google.com/share/c00cd5f50d8c