Durante o curso 2025/2026, no IES Chan do Monte traballamos o consumo responsable centrado no uso e abuso da moda nos países industrializados. Mediante unha metodoloxía colaborativa, iterativa e baseada na aprendizaxe práctica que abrangue a totalidade do centro, invitouse aos estudantes a investigar e pensar criticamente sobre a realidade de Europa como espazo consumidor de moda e a reflectir sobre o papel do consumidor final neste círculo. As fases do proxecto estruturánse de xeito progresivo, de maneira que cada etapa se constrúe a partir dos resultados obtidos na fase anterior.
Ademais, trátase dun proxecto que invita a facer unha análise do consumo de moda desde unha perspectiva global, valorando as diferenzas entre os países produtores (principalmente asiáticos) e consumidores, e a adoptar un rol activo como consumidor co fin de contribuír a un cambio social e nas prácticas de consumo imperantes.
De maneira transversal, traballouse de forma específica a temática do etiquetado de bens e produtos, empregándoa como fío condutor para analizar cuestións clave do proxecto. O estudo das etiquetas permitiu ao alumnado afondar na comprensión da orixe das prendas, a trazabilidade dos produtos e a información ofrecida ao consumidor, converténdose nunha ferramenta fundamental para desenvolver unha lectura crítica da realidade do consumo.
Así mesmo, esta temática serviu como punto de partida para abordar outros ámbitos de aprendizaxe, como a análise da publicidade e a contrapublicidade, así como para introducir contidos relacionados co papel das finanzas na construción e funcionamento das empresas dentro do sistema global da moda.
O proxecto desenvolveuse coa participación de varios grupos de alumnado pertencentes a diferentes ciclos formativos e niveis educativos, o que favoreceu unha abordaxe interdisciplinaria e permitiu integrar coñecementos procedentes de distintos módulos profesionais.





