IES Chan do Monte Marín
  • 25N (2025)

    Así, no espazo da biblioteca preparouse unha exposición de materiais bibliográficos relacionados coa temática, todos dispoñíbeis na nosa colección, e foi actualizada a nosa listaxe de recursos sobre o 25N no catálogo aberto e en rede da nosa biblioteca!!!

    Alén disto, no corredor do primeiro andar pódese observar un mural creativo e reivindicativo elaborado polo alumnado de 4º da ESO, na materia de Lingua Castelá e Literatura, a partir de cartas ficticias escritas por diferentes mulleres que foron internadas contra a súa vontade no manicomio de Conxo, entre 1885 e 1936, inspiradas no ensaio As tolas que non o eran, elaborado por Carmen V. Valiña.

    Pola súa parte, o alumnado de FP confeccionou un mural co lema SE TEMES, NON É AMOR, que foi situado na entrada que dá acceso ao centro. Este mural foi acompañado doutros carteis sobre o 25N que foron pendurados das portas de cada aula durante a semana pasada.

    Mais as actividades non rematan aquí! Non vos perdades mañá a primeira lectura conxunta da nosa patrulla lectora Resóns de Mogor que, desta volta, cinguirá o alumnado de 4º e de 1º ESO.

    Seguir lendo →
  • O noso alumnado de Comercio e Márketing vive a experiencia do Etiqueta Negra

    O pasado luns, un total de 78 alumnos e alumnas do IES Chan do Monte de Marín participaron nunha saída didáctica á Feira Etiqueta Negra, celebrada no Recinto Feiral de Pontevedra.

    O Diario de Marín recolle a noticia:
    https://diariomarin.com/economia-y-empresas/o-alumnado-do-ies-chan-do-monte-analiza-o-potencial-das-empresas-galegas-na-feira-etiqueta-negra-de-pontevedra/

    Seguir lendo →
  • Semana do Samaín e Defuntos (2025)

    Estes días vivimos na BE Os labirintos de Mogor unhas xornadas inesquecibles, cheas de creatividade, emocións e moita diversión. Así, hoxe festexamos o Samaín e Defuntos cunha chea de actividades que puxeron a imaxinación a voar e fixeron tremer a máis dunha persoa! O alumnado e o profesorado involucráronse para garantir o éxito da III CASTAÑADA TERRORÍFICA do IES Chan do Monte.

    Durante esta semana, os primeiros cursos da ESO participaron no concurso creativo de relatos de terror e de epitafios, onde deron mostra do seu talento e do seu enxeño, creando historias arrepiantes e epitafios cheos de humor e misterio. Os textos presentados sorprenderon polo seu talento, humor e orixinalidade, e demostraron que a inspiración tamén pode nacer entre pantasmas e lápidas literarias.

    Durante o festival, as actuacións dos grupos e do profesorado puxeron o broche artístico á celebración, enchendo o salón de actos de música en directo, xogos, algún que outro baile e, sobre todo, moita enerxía positiva.

    Non faltou na castañada o tradicional magosto, no que gozamos dunha deliciosa degustación de castañas acompañadas dun ambiente festivo e acolledor, que nos fixo lembrar o sabor do outono e a importancia de compartir momentos en comunidade.

    Ademais, este ano a celebración contou cunha xincana de xogos tradicionais e cunha pasaxe do terror. As risas, sustos e algunha que outra sorpresa inesperada fixeron que ninguén quedase indiferente.

    E, como non podía faltar, o EABE preparou a xa tradicional selección especial de libros de terror, perfecta para quen queira seguir vivindo e experimentando esta temática a través da lectura.

    Foi esta unha semana chea de participación e moita ilusión no IES Chan do Monte e na BE Os labirintos de Mogor, onde se uniu o traballo individual de cada grupo e dos diferentes equipos do centro. Grazas a todas e todos os que colaborastes para facer desta celebración un éxito. Xa estamos desexando repetir o ano que vén! ??? ??

    Seguir lendo →
  • Día das Bibliotecas (2025)

    Hoxe a BE Os labirintos de Mogor festexou, como no pasado curso académico, o #DíadasBibliotecas. No ano 2025 o lema elixido polas entidades organizadoras foi Contra la desinformación: BIBLIOTECAS, polo que a efeméride quere destacar o papel fundamental que desempeñan todas as bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas etc.) na loita contra a desorde informativa.

    Esta temática está plenamente relacionada coa Semana Mundial da Alfabetización Mediática e Informacional, que decorre do 24 ao 31 de outubro, polo que o EABE preparou unha sesión formativa específica para achegar o noso alumnado a esta importante cuestión. No mundo da desorde informativa as bibliotecas e os seus recursos son de grande utilidade para que as persoas usuarias adquiran competencias e ferramentas que contribúan a loitar contra todas as diferentes formas de desinformación.

    Coñece a BE Os labirintos de Mogor do IESCDM! Nela atoparas recursos e axuda para mellorar as túas competencias informacionais! Contra a desinformación, ALFIN/AMI.

    Seguir lendo →
  • Saída cultural ás vilas de Padrón e Compostela (2025)

    Durante a xornada de mércores 22 de outubro, o alumnado de 1º BAC e de 4º ESO do IESCDM realizou unha saída cultural ás vilas de Padrón e Compostela, organizada polo EABE, o EDLG e os Departamentos de Lingua Castelá e Literatura, Ciencias Naturais, Lingua e Literatura Galega e Matemáticas. 

    Nesta actividade interdepartamental, o alumnado completou diferentes estacións didácticas co obxectivo de contribuír na adquisición das súas competencias clave. 

    En primeiro lugar, visitaron a Fundación Pública Galega Camilo José Cela, na vila de Padrón, para se achegar á vida e obra do autor e percorrer, así mesmo, o Museo do Ferrocarril John Trulock, avó do escritor e director xerente da compañía que dirixiu o primeiro ferrocarril galego en 1873.

    Ao mediodía, o noso alumnado visitou as instalacións do Instituto Galego de Estatística (IGE) sitas no Complexo Administrativo de San Lázaro, en Santiago de Compostela. Nesta segunda estación, os nosos discentes realizaron unha actividade didáctica na cal puideron pór en práctica diferentes aspectos da súa ALFIN/AMI, como contrastar as fontes estatísticas fiables elaboradas polo IGE, para poder refutar diferentes preconceitos sobre diversas cuestións relacionadas co Concello de Marín, como cal é a poboación exacta, como é a súa pirámide poboacional ou cal é o sector económico con máis persoas en activo.

    Por último, o alumnado dirixiuse ao Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura, para realizar, en diferentes quendas, dúas visitas guiadas relacionadas coas novas tecnoloxías e o mundo dixital. Deste xeito, o alumnado realizou unha viaxe no tempo de catro mil millóns de anos de evolución do noso planeta, grazas á realidade aumentada da actividade Orixes. Unha viaxe virtual a onde comezou todo. Alén disto, realizaron unha experiencia de arte dixital e achegáronse á figura de Afonso D. M. Rodríguez Castelao, a través da visita a Castelao. Mirar por Galicia, e así afondar na figura deste galego senlleiro no seu ano conmemorativo. Para pechar a xornada, a rapazada visitou a exposición Boris Savelev. Viewfinder, unha forma de mirar, para coñecer en primeira persoa a forma de ver o mundo a través da cámara deste coñecido fotógrafo ucraíno e afondar na empatía e na alteridade.

    Veñan máis actividades interdisciplinares coma esta, onde pór en práctica a nosa ALFIN/AMI e onde coñecer a alteridade, porque continuamos medrando xunt@s arredor dos libros, da cultura e da información!

    Seguir lendo →
  • Día Mundial da Estatística (2025)

    Hoxe na BE Os labirintos de Mogor festexamos o Día Mundial da Estatística. Esta efeméride celébrase cada cinco anos desde o 20 de outubro de 2010, cando foi proclamada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. O obxectivo da conmemoración é salientar a importancia desta disciplina matemática na formación de políticas públicas e na promoción do desenvolvemento sustentable.

    O EABE Os labirintos de Mogor preparou, desde hai uns días, unha pequena selección de libros que pertencen á CDU 51, para dinamizar os fondos relacionados con esta disciplina matemática.

    Aproveitando a ocasión, o alumnado de Métodos Estatísticos e Numéricos de 2º BAC fixo unha actividade na biblioteca onde visualizaron o vídeo “Si España fuese un pueblo de 100 habitantes” do INE e puxeron a proba o seu coñecemento sobre as estatísticas do concello de Marín coa actividade Canto sabes do teu concello? do IGE.

    Con esta actividade a BE Os labirintos de Mogor do IES Chan do Monte incidiu na importancia de ter datos fiables, traballou a confianza nos sistemas estatísticos e contribuíu á alfabetización mediática e informacional (ALFIN/AMI) do noso alumnado, desta volta, en materia de datos.

    Seguir lendo →
  • Parabéns ao noso alumno Pedro Cidrás

    Resultou gañador na Copa de España de Ciclocrós que se celebrou o pasado domingo en Marín.

    Pedro Cidrás, alumno do noso centro, quedou primeiro na categoría de cadete na Copa de España de Ciclocrós. Este deporte é unha disciplina ciclista, nacida a mediados do século XX, que consiste en realizar un determinado número de voltas a un circuíto con tramos de asfalto, camiños e prados e cunha serie de obstáculos (naturais ou artificiais) que deban obrigar ao corredor a baixarse da bicicleta para sortealos.

    Deixamos toda a info da noticia na seguinte ligazón: https://fgalegaciclismo.es/es/smartweb/seccion/noticia/galicia/Ciclocross/60643-Pedro-Cidras-triunfa-no-XaxanCX-e-Guillermo-Garcia-mantense-como-lider-cadete-da-Copa-de-Espana-

    Seguir lendo →
  • X Día das Escritoras (2025)

    Esta semana a BE Os labirintos de Mogor do IES Chan do Monte festexa a décima edición do Día das Escritoras, unha iniciativa nada en 2016 da man da BNE, a FEDEPE e a Asociación Clásicas e Modernas, para reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.

    Este ano, baixo o lema 1975: Escribide, compañeiras!, as entidades organizadoras queren salientar as escritoras activas ao redor de 1975 que “reflicten en moitas das súas obras o desexo dun cambio profundo e radical nas vidas das mulleres, denuncian a falta de liberdade e de autonomía, dan testemuño do que ocorre fóra de España, esixen unha nova orde amorosa e un cambio nas leis que as veu marxinando durante o franquismo”, tal e como sinala a comisaría desta edición, Anna Caballé.

    Deixamos aquí unha mostra da exposición que elaborou o EABE.

    Esta semana teremos máis actividades relacionadas con esta efeméride!!! Non as perdades!

    Seguir lendo →
  • Oferta emprego Marín – Técnico/a de Sistemas

    Descrición
    Buscamos incorporar un/unha Técnico/a de Sistemas para a nosa oficina de Marín (Pontevedra).
    A persoa seleccionada encargarase da administración do posto de traballo, o soporte a usuarios e o mantemento da infraestrutura de rede e servizos corporativos.
    Integraraste nunha empresa en crecemento, con un entorno próximo, onde priman a confianza, a responsabilidade e a aprendizaxe continua.

    Funcións
    • Soporte técnico a usuarios (hardware, software, periféricos) e xestión integral do posto de traballo.
    • Administración básica de sistemas e servizos: contas, accesos, impresoras, comparticións, copias de seguridade e monitorización.
    • Xestión de rede: TCP/IP, switching, Wi-Fi, VLAN, DHCP, DNS e resolución de incidencias.
    • Despregamento, inventario e actualización de equipos; documentación técnica e propostas de mellora.
    • Colaboración en iniciativas de seguridade e boas prácticas (parcheo, control de accesos, políticas).
    • Coordinación con provedores e apoio en despregamentos.

    Requisitos
    • CFGS en Administración de Sistemas Informáticos en Rede (ASIR) ou titulación afín.
    • Experiencia ou prácticas demostrables en soporte a usuarios, redes e resolución de incidencias (troubleshooting).
    • Coñecementos de sistemas operativos (Windows; valorable macOS/Linux) e ferramentas ofimáticas.
    • Nocións de virtualización (p. ex., Proxmox/VMware) e scripting (PowerShell/Bash).
    • Valorarase: Active Directory/Azure AD, servizos na nube (M365), ferramentas de ticketing e inventario.
    • Carné de conducir B e dispoñibilidade para desprazamentos puntuais por Galicia.

    Competencias persoais
    • Proactividade, organización e fiabilidade, con clara orientación ao servizo.
    • Capacidade de aprendizaxe continua, traballo en equipo e comunicación clara.

    Ofrécese
    • Incorporación a unha empresa en expansión, con proxectos tecnolóxicos reais.
    • Formación e evolución profesional, con exposición a contornos cloud e virtualización.
    • Contrato indefinido.

    Envía CV a jc@sentinelshub.com

    Seguir lendo →
  • Oferta emprego Marín Desenvolvedor/a Web

    Descrición
    Buscamos incorporar un/unha Desenvolvedor/a Web para reforzar o noso equipo.
    A persoa seleccionada participará no desenvolvemento e mantemento de sitios web, na creación de contidos dixitais e na maquetación de materiais en liña, contribuíndo directamente á imaxe e comunicación da empresa.

    Funcións
    • Desenvolvemento e mantemento de páxinas web e aplicacións asociadas.
    • Xeración e maquetación de contidos dixitais.
    • Deseño e adaptación de materiais gráficos e audiovisuais.
    • Colaboración en proxectos de comunicación e márketing dixital.

    Requisitos
    • Formación en Informática, Deseño Web, Comunicación Dixital ou similar.
    • Coñecementos en linguaxes de desenvolvemento e maquetación web (HTML, CSS, JavaScript, etc.).
    • Manexo de ferramentas de xestión de contidos (WordPress ou similares).
    • Experiencia en software de edición e deseño gráfico (Photoshop, Illustrator, Figma ou equivalentes).

    Perfil persoal
    • Persoa creativa, con bo criterio estético e atención ao detalle.
    • Proactividade e capacidade para achegar ideas.
    • Ganas de aprender e medrar nunha empresa innovadora.
    • Organización e responsabilidade na xestión de tarefas.

    Ofrécese
    • Incorporación a un equipo dinámico nunha empresa en expansión.
    • Oportunidade de traballar en proxectos tecnolóxicos e de comunicación de impacto.
    • Contrato indefinido.

    Envía CV a jc@sentinelshub.com

    Seguir lendo →