IES Chan do Monte Marín
  • Saída educativa ás vilas do Porriño e Tui (2026)

    Este martes 24 de febreiro, o alumnado das materias de Latín I, Literatura Universal, e Bioloxía e Xeoloxía de 1º BAC, de Latín II e Grego II de 2º BAC e de Bioloxía e Xeoloxía de 4º ESO realizaron unha visita cultural ás vilas do Porriño e de Tui, organizada polos departamentos didácticos de Latín e Grego, Bioloxía e Xeoloxía e Lingua castelá e literatura que deseñaron, xunto co EABE, un programa cultural interdisciplinar que ligou as Ciencias e as Humanidades.

    Deste xeito, o alumnado visitou, en primeiro lugar, as instalacións do Centro Tecnolóxico do Granito no Porriño, onde está sito o Museo dos Minerais de Galicia (MINERGAL). Alí, o persoal técnico e investigador deunos a coñecer a rica colección xeolóxica que alberga o museo e tamén, de maneira práctica, mostrounos as probas ás que é sometido o granito nos seus laboratorios.

    Deseguido, a rapazada encetou o camiño en dirección á vila de Tui para asistir ao XXV Festival de Teatro Clásico Grecolatino organizado pola SEEC-Galicia, onde poidemos chegar á caterse coa traxedia Helena de Eurípides, marabillosamente interpretada pola Compañía de Teatro Noite bohemia.

    Con esta actividade interdisciplinar o noso alumnado adentrouse, in situ, no mundo da Xeoloxía e chegou á cartarse cunha obra fundamental da literatura clásica e universal. Desta volta o profesorado organizador cinguiu os coñecementos que clasificamos cos números 55 (Ciencias da Terra. Ciencias xeolóxicas) e 82 (Literatura) da CDU.

    Veñan máis actividades transversais coma esta que deixan ver a boa sintonía dos departamentos didácticos do IES Chan do Monte, co gallo de proporcionar ao noso alumnado a mellor educación pública de calidade.

    Seguir lendo →
  • XORNADA DE PORTAS ABERTAS PARA ESO, BACHARELATO E FPBÁSICA

    Para as familias de ESO e BACHARELATO que buscades centro, anotade na axenda!! O mércores 4 de marzo ás 18h faremos unha XORNADA DE PORTAS ABERTAS no IES #chandomonte para os centros non adscritos. Esperámosvos!!

    Seguir lendo →
  • Día de Rosalía (2026)

    Hoxe, 23 de febreiro, a BE Os labirintos de Mogor festexou o Día de Rosalía con dúas actividades relacionadas co achegamento á literatura desde a creatividade e desde as rutinas lectoras.

    Así, durante as súas sesións, o alumnado de Literatura Universal de 1º BAC e o alumnado de 1º ESO e de 2º BAC, na materia de Lingua Castelá e Literatura, baixou ao espazo da biblioteca para crear poesía revelada e desatar toda súa creatividade. Para isto partiron das palabras finais do prólogo co que a autora abre o poemario Follas novas. Así, tecendo verbas, xuntando sons, anovando palabras… o alumnado actualizou a obra de Rosalía de Castro e permitiu que ecoara nos labirintos de Mogor a expresión libre do seus pensamentos.

    Alén disto, durante o recreo, profesorado do centro e unha alumna de 2º BAC puxeron novamente en marcha os Altofalantes de Mogor, o noso renuncho para a lectura pública, para compartir co alumnado asistente ao acto diferentes textos seleccionados entre a obra da nosa egrexa escritora.

    Veñan máis actividades creativas e rutinas lectoras coma estas na biblioteca, pois permiten espallar o pensamento e obra de Rosalía de Castro, sempre presente na nosa memoria.

    Seguir lendo →
  • Torneo de Xadrez na biblioteca (2026)

    Acaba de finalizar o noso V Torneo de Xadrez do IES Chan do Monte que desde hai catro anos xa forma parte das actividades da BE Os labirintos de Mogor.

    Desde o EABE queremos agradecer a alta participación do alumnado nesta edición e, en especial, salientar o seu comportamento exemplar durante estas dúas últimas semanas e media.

    Queremos transmitir os nosos parabéns ao alumnado campión, tanto da categoría de FPB-ESO-BAC como de Ciclos Formativos, e animarvos a que vos unades a esta afección.

    Foi moi gratificante observar cada xogada, cada movemento… E comprobar como se enchían os espazos da biblioteca durante as partidas.

    É así, aos poucos, a nosa comunidade educativa valora cada ano con máis forza este torneo e deporte, porque vai “considerando como unha obra de arte aquelas partidas”, tal e como escribiu Stefan Zweig na súa novela Die Schachnovelle (1941).

    Seguir lendo →
  • Oportunidade Laboral: Técnico/a Informático/a (Soaga)

    Publicamos esta oferta de emprego para a empresa Soaga, que busca incorporar un/unha profesional técnico para as súas instalacións en Baión. É unha excelente oportunidade para titulados e tituladas en Ciclos de Grao Superior.

    Detalles da oferta

    • Localización: Baión (Vilanova de Arousa)
    • Tipo de contrato: Indefinido
    • Xornada: Completa
    • Salario: Segundo a valía do/da candidato/a

    Funcións principais

    No día a día, a persoa seleccionada encargarase de:

    • Resolución de incidencias: Soporte técnico a usuarios tanto en hardware coma en software.
    • Mantemento: Coidado de equipos informáticos, redes e sistemas de comunicación.
    • Configuración: Instalación e posta en marcha de ordenadores, móbiles e tablets.
    • Soporte ERP: Axuda técnica e funcional no uso do software de xestión da empresa.
    • Desenvolvemento: Pequenas tarefas de programación e probas en contorna PL/SQL.
    • Xestión web: Administración básica das páxinas corporativas.
    • Inventario: Compra, control e configuración de material informático.
    • Seguridade: Apoio en copias de seguridade e protocolos de seguridade informática.

    Perfil buscado

    • Titulación: Técnico/a Superior en Administración de Sistemas Informáticos en Rede (ASIR) ou formación similar.
    • Experiencia: Valorarase experiencia previa en soporte técnico e resolución de problemas.
    • Coñecementos: Sistemas operativos, redes e contornas corporativas.
    • Competencias: Capacidade de organización, autonomía e orientación ao servizo ao usuario.
    • Extras: Valorarase positivamente o manexo de bases de datos Oracle e experiencia previa con sistemas ERP.

    Inscrición e contacto

    Se estás interesado ou interesada en formar parte do equipo de Soaga, podes consultar todos os detalles e enviar o teu currículo a través da seguinte ligazón oficial:

    ? Inscribirse na oferta de Técnico/a Informático/a – Soaga

    Seguir lendo →
  • Formación docente do EABE (2026)

    Durante estas semanas parte do Equipo de Apoio da Biblioteca Escolar Os labirintos de Mogor realizou un seminario formativo específico sobre loxística da biblioteca escolar e a formación de persoas lectoras competentes. Deste xeito, ao longo de dúas sesións que decorreron durante este mes de xaneiro tivemos a fortuna de poder recibir unha formación increíbel e moi necesaria impartida polas profesoras e investigadoras universitarias Montse Pena Presas e Paloma Blanco Anaya, especialistas, respectivamente, en Didáctica da Lingua e a Literatura, e Didáctica das Ciencias Experimentais na USC.

    Con elas analizamos e puxemos en práctica diferentes dinámicas de acceso aos textos literarios poéticos e de non ficción relacionada coa educación ambiental. Alén disto, o persoal asistente puido coñecer recursos específicos para achegar os textos dramáticos ao noso alumnado e analizar as posibilidades prácticas que estes recursos ofrecen.

    Moitas grazas, Montse Pena Presas e Paloma Blanco Anaya, por compartir connosco a vosa sabedoría e paixón.

    Gustaríanos tamén agradecer ao Centro de Recursos e Formación de Pontevedra o auspicio desta actividade.

    BE Os labirintos de Mogor, o noso ? formativo!

    Seguir lendo →
  • Calendario de Pendentes de Ciclos 2026
  • Día da edición en Galicia (2025)

    Cada 17 de decembro festexamos o Día da edición en Galicia, para salientar a importancia da cultura escrita e da edición en lingua galega. 

    A data desta efeméride coincide co aniversario do nacemento do egrexio editor e político galego Ánxel Casal, figura clave na modernización do mundo editorial, do ensino e da política galegos.

    Fundador da Editorial Lar e da Editorial Nós, foi promotor e mestre do proxecto pedagóxico Escolas de Insiño Galego, e da súa imprenta saíron, entre outros, A Nosa Terravoceiro das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista— ou a revista Nós. O seu proxecto editorial transcende o tempo e constitúe a principal renovación nos ámbitos da edición e do deseño da Galicia do primeiro terzo do século XX.

    Tendo presente esta data sinalada do calendario, a temática anual das bibliotecas escolares galegas (Biblioteca escolar + Deseño. Viaxe á creatividade) e o proxecto anual da BE Os labirintos de Mogor (IMAGO. MEMORIA. ACTIO), durante a última semana lectiva do mes de decembro, o alumnado de 1º da ESO, de 1º BAC e de 2º BAC realizou a proposta didáctica elaborada polos editores galegos Cibrán Rico e Suso Vázquez para as Bibliotecas Escolares galegas. Deste xeito, unha vez que o alumnado analizou as doce tipografías modulares deseñadas polo equipo de Desescribir, deixou voar a súa creatividade e mesturou formas e cores, para elaborar, sobre a retícula proposta, diferentes mensaxes relacionadas con estas festas.

    Alén disto, como é xa habitual, o EABE realizou unha pequena mostra de material bibliográfico específico vinculado con esta efeméride.

    Tal e como recolle o blog da Asesoría de Bibliotecas Escolares, o deseño acompaña de sempre a comunicación escrita, a vida cotiá, a prensa e a publicidade; é a orixe de páxinas, tipografías ou logotipos; e consegue achegar a información dun modo máis impactante ou sutil. O deseño permite, desde o coñecemento de referentes propios (entre outros moitos, a Editorial Nós, o Laboratorio de Formas ou a obra do artista galego Xosé Vizoso), tecer novos camiños e abrir novas sendas na nosa comunidade educativa.

    A BE Os labirintos de Mogor tamén a prol do fomento da creatividade, do deseño e da memoria na nosa comunidade educativa, como alicerces da sociedade democrática.

    Seguir lendo →
  • Sesións dos clubs de lectura LM I e LM II (2025)

    Nestas últimas semanas previas ao descanso de Nadal, os clubs de lectura Labirinto de Mogor I e Labirinto de Mogor II do IES Chan do Monte realizaron as súas reunións lectoras para falar entre iguais e compartir as nosas inquedanzas e emocións derivadas da lectura das diferentes obras literarias que seleccionamos para esta avaliación e que foron anunciadas na nosa conta de IG, despois de realizar a primeira reunión inicial o 5 de novembro.

    Así, guiado polo noso profesorado mediador, o club de lectura Labirinto de Mogor I, pensado para o noso alumnado, reuniuse por grupos para falar e valorar as tres obras seleccionadas. Así, o grupo de 1º e 2º ESO falou sobre A lavandeira de San Simón da escritora galega Eva Mejuto, coas ilustracións de Bea Gregores. Pola súa banda, o grupo de 3º e 4º ESO compartiu a súa experiencia lectora co manga Una sonrisa hasta el fin del mundo da mangaka Yellow Tanabe. Finalmente, as nosas alumnas de 2º BAC achegáronse para falar e realizar a súa excelente análise d’ A metamorfose de Franz Kafka.

    As sesións decorreron os días 2 e 19 de decembro, no espazo para a lectura da biblioteca e no espazo para a lectura conxunta que montamos o anterior curso académico.

    Como novidade, este ano o EABE decidiu crear o librómetro do club de lectura LM1 da BE Os labirintos de Mogor. Para isto deseñouse un formulario en papel para realizar unha breve valoración de cada obra lida, durante os minutos finais de cada sesión. Con ese material, extraeremos e analizaremos diferentes datos para facer desta rutina e dinámica lectora unha experiencia máis ampla e que teña repercusión na nosa comunidade educativa, a través da recomendación e análise das obras literarias. Así, o librómetro contribuirá, en última instancia, a mellorar a Alfabetización Mediática e Informacional do alumnado do club de lectura LM1 e permitirá achegar á nosa comunidade educativa novas perspectivas das actividades que realizamos.

    Pola súa banda, o club de lectura Labirinto de Mogor II, destinado a persoas adultas da nosa comunidade educativa, realizou a súa reunión o día 10 de decembro para departir sobre a obra Mulleres que viven xuntas da escritora galega Abril Camino, que vén de ser galardonada XLII Premio Xerais de Novela.

    As sesións dos clubs de lectura constitúen dinámicas lectoras compartidas que van máis alá do libro seleccionado. Fomentan a escoita activa, a empatía e a alteridade, ao permitir comprender outras voces e puntos de vista. A través do diálogo e do intercambio de ideas, crean comunidade e tecen redes de apoio, ao convertir a lectura nunha experiencia colectiva.

    Nos club de lectura democratízase a lectura ao facer dos libros un espazo aberto e plural. Desde esta óptica, ler deixa de ser un acto individual para transformarse nun hábito social, dinámico e enriquecedor, que axuda a tecer redes de apoio e a crear comunidade educativa.

    Seguir lendo →
  • Mes da ciencia en galego na biblioteca (2025)

    Pechamos un mes de novembro moi intenso na BE Os labirintos de Mogor, que, un ano máis, achegou as ciencias e o coñecemento científico en lingua galega ao noso alumnado, con diferentes actividades de dinamización.

    Este ano o EABE continuou a dinamizar fondos específicos vinculados con esta temática e, alén disto, montou un pequeno museo interactivo onde o noso alumnado puido manipular in situ diferentes experimentos relacionados coa presión, o son ou o corpo humano, sempre guiados polo profesorado que fai parte do equipo da biblioteca.

    Ademais do Mes da ciencia en galego na BE, durante as últimas semanas do mes, foi exposto un panel informativo sobre a diabetes que elaborou o noso marabilloso alumnado de 2º BAC, que cursa a materia de Bioloxía coa profesora Susana Montes, para visibilizar esta doenza pola 14 de novembro. Cabo das infografías, foi situada unha mesa con diferente información sobre esta enfermidade, os seus tipos, o seu control e tratamento! Así, o alumnado coñeceu, de primeira man, como é a molécula da insulina, como funciona un medidor de glucosa e outra información relevante sobre a diabetes.

    Por último, na pasada 4ª feira 26 de novembro, realizamos o primeiro desafío mensual de O fío de ouro. Descifrando os retos dos labirintos de Mogor, desta volta centrado no traballo científico e industrial de Marie Skłodowska-Curie, Rosalind Franklin e Ángela Ruiz Robles.

    Un ano máis, a BE Os labirintos de Mogor sumouse, deste modo, á visibilización das ciencias en lingua galega nas bibliotecas dos centros educativos públicos, pois, tal e como recolle a enxeñeira industrial, doutora, investigadora e catedrática da UVigo Concepción Paz Penín no seu manifesto, as bibliotecas son parte esencial do ecosistema de innovación galego, “non só como espazos físicos, senón como nodos de encontro, conexión social e aprendizaxe permanente”.

    Seguir lendo →