IES Chan do Monte Marín
  • Libros de texto 2026-2027

    Na seguinte ligazón poden descargar os libros de texto para o curso 2026-2027.

    Lembren agardar pola resoución de Fondo Libros e consultar ao profesorado ao comezo do curso.

    DESCARGAR

    Seguir lendo →
  • Mat-Lab 25/26

    O IES Chan do Monte formou parte este curso do proxecto Innova-Lab na modalidade Mat-Lab, unha iniciativa que achega a matemática e a tecnoloxía ao alumnado dunha forma innovadora e práctica.

    A través desta experiencia, o alumnado de distintas materias STEM desenvolveron a súa competencia matemática e tecnolóxica, reforzaron a capacidade de resolución de problemas e potenciaron a súa creatividade mediante actividades que combinaron a manipulación de materiais físicos co traballo no eido dixital.

    Concurso de fotografía xeométrica

    O alumnado de 2.º ESO, 4.º ESO, 2.º FPB de Informática de Oficina e 1.º de Bacharelato participou no I Concurso de Fotografía Xeométrica, unha actividade que puxo de manifesto o talento artístico e a mirada creativa do noso estudantado e que estivo exposta na biblioteca do centro durante o mes de marzo e principios do mes de abril.

    A calidade das fotografías presentadas fixo que a deliberación do xurado fose todo un reto. Finalmente, resultaron elixidas catro obras, ademais dunha mención de honra. Parabéns a todos e todas as participantes!

    Obradoiro de manipulación de figuras planas e deseño de mosaicos

    O alumnado de 4.º ESO traballou con materiais do obradoiro Te lo cuentan las matemáticas nunha actividade práctica de manipulación coa famosa píntega de Escher. A través desta experiencia, o alumnado explorou de xeito visual e táctil conceptos xeométricos como os xiros, as traslacións e as simetrías, elementos presentes en numerosas obras artísticas e, en particular, nos teselados.

    Nunha segunda parte desta actividade manipulativa, o alumnado reforzou estes conceptos manipulando teseliñas, unha actividade práctica que lles serviu de preparación para dar o salto ao deseño do seu propio mosaico.

    Inspirados nos mosaicos da Alhambra, nas obras de Escher e nos deseños de Sargadelos, o alumnado de 4.º ESO deu un paso máis e aventurouse a crear os seus propios mosaicos.

    O proceso comezou de xeito manipulativo, deseñando e compoñendo as pezas a man, para rematar vendo como os seus creacións cobraban vida grazas á cortadora láser e a cartoliñas de cores. Matemáticas, arte e tecnoloxía unidas nun mesmo proxecto!

    Obradoiro de construción de poliedros con diferentes materiais

    O alumnado de 4.º ESO e 2.º FPB de Informática de Oficina mergullouse no mundo dos poliedros construíndo os sólidos platónicos de tres formas distintas: con pezas de plástico ensamblables, mediante papiroflexia (os cales foron expostos na biblioteca do centro) e artellando varas de madeira con vértices feitos grazas á impresora 3D do centro. 

    Escape Room Dixital

    O alumnado de 4.º ESO e 2.º ESO puxo a proba os seus coñecementos de xeometría nunha Escape Room ambientada nos petróglifos de Mogor, combinando o noso patrimonio cultural coas matemáticas. 

    Deseño e impresión de figuras 3D

    O alumnado de 2.º FPB de Informática de Oficina deseñou os trofeos que se entregaron aos gañadores do I Concurso de fotografía xeométrica e ao gañador do V Torneo de Xadrez do IES Chan do Monte.

    Durante o proceso, o alumnado tivo que deseñar o que querían conseguir cunha limitación de dimensións para poder imprimilos na impresora 3D e cunha condición, que os trofeos estivesen formados por pezas xeométricas recoñecibles, pois foi parte do proceso o cálculo do volume ocupado por cada un dos trofeos. 

    Posteriormente puideron levar a cabo o deseño na aplicación tinkercad para, finalmente, imprimir en 3D os trofeos seleccionados. Entre a variedade de trofeos deseñados foron seleccionados dous como trofeos gañadores, resultando dúas pezas dignas dos campións e campionas de ambos concursos.

    Parabéns a todo o alumnado pola súa participación e o bo resultado, e parabéns tamén aos gañadores e gañadoras que puideron levar o trofeo a casa!

    Pola súa parte, o alumnado de 2.º ESO fixo unha transformación de imaxes 2D a volumes 3D partindo dalgunhas das fotografías do Concurso de Fotografía Xeométrica. O proceso comezou convertendo cada imaxe nun mapa de relevo coa ferramenta 3dp.rocks/lithophane, onde o ton de cor de cada píxel determinou a súa altura. O modelo resultante procesouse despois cun software de laminación (configurando altura de capa, recheo e soportes) ata obter o arquivo .gcode listo para a impresora. O resultado: a xeometría capturada nunha fotografía, materializada capa a capa nun obxecto real.

    Ademais, o alumnado de 4.º ESO participou nun concurso de deseño de robots con figuras xeométricas básicas. Velaquí algunhas das súas creacións:

    Manexo dunha cortadora láser

    O alumnado de 2.º ESO achegou a xeometría ao mundo real a través da cortadora láser. Primeiro deseñaron formas xeométricas sinxelas en formato dixital e despois executaron os cortes coa máquina, combinando o traballo matemático coa fabricación dixital. O resultado foron as pezas que decoraron o centro durante o entroido.

    Continuará…

    Esperamos que o Mat-Lab continúe o próximo curso ampliando as súas actividades, co compromiso de seguir achegando as matemáticas e a tecnoloxía ao alumnado dunha forma significativa e conectada coa realidade.

    Seguir lendo →
  • CoquenDUm 641. Letras, receitas e labirintos

    A rapazada do club de lectura Labirinto de Mogor I do IES Chan do Monte vén de estrear o proxecto CoquenDUm 641. Letras, receitas e labirintos que decorrerá anualmente entre as actividades da BE Os labirintos de Mogor, vinculadas cos nosos clubs de lectura.

    Deste xeito, o noso alumnado lector de 1º, 3º e 4º da ESO realizou nesta última semana un obradoiro competencial sobre cociña de sobremesas tradicionais, guiado por Isabel Paños, profesora do Departamento de Lingua Galega e Literatura, e mediadora dos nosos clubs. Durante dous días elaboráronse diferentes biscoitos de iogur con pebidas de chocolate e arandos.

    Mandís, batedores, reladuras, lévedos, framboesas… e altas temperaturas!!!

    Inauguramos así un novo obradoiro vencellado coa lectura, neste caso de textos instrutivos, que permite tecer redes entre os membros máis novos da nosa comunidade educativa.

    Veñan máis actividades coma estas nas que o alumnado traballa colaborativamente e aúna forzas para acadar un mesmo obxectivo: aprender a cociñar, neste caso, sobremesas tradicionais galegas.

    Queremos agradecer a Sera que nos permitira utilizar o forno da cafetería para esta actividade e así poder degustar no mesmo día os marabillosos biscoitos.

    Seguir lendo →
  • AS MELLORES NOTICIAS SOBRE A PAU!!!

    TRES ALUMNAS DO CENTRO GALARDOADAS CO PREMIO MEGAU

    Para o profesorado do IES Chan do Monte é unha inmensa alegría anunciar que tres das nosas alumnas de Bacharelato foron galardoadas co premio Mellores Expedientes de Galicia nas probas de acceso á Universidade (MEGAU), Victoria Gil Villanueva, Celia Freire González e Laura Miranda Argibay.

    Este galardón recoñece a dedicación, mérito, esforzo, traballo e talento do alumnado e do profesorado do centro na consecución destes resultados.

    Victoria, Celia e Laura participarán no Acto de recoñecemento aos Mellores Expedientes de Galicia nas probas de acceso á Universidade (MEGAU), que se celebrará o próximo venres, 19 de xuño, ás 17:00h no Edificio Multiusos Fontes do Sar da cidade de Santiago de Compostela. Este evento, organizado conxuntamente polas tres universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, contará coa presenza de autoridades académicas e políticas.

    A Comunidade Educativa do IES Chan do Monte desexa parabenizar as nosas alumnas por este logro extraordinario, tanto no ámbito das Ciencias e da Tecnoloxía como no ámbito das Ciencias Sociais e Humanidades. Os seus resultados son motivo de gran satisfacción para toda a comunidade educativa do IES Chan do Monte, nun centro que só é liña 1.

    100% DE ALUMNADO APTO NA PAU

    Alén disto, o centro tamén quere salientar que o 100% do alumnado que participou na convocatoria ordinaria da PAU obtivo o merecido e desexado apto.

    EDUCACIÓN PÚBLICA GALEGA DE CALIDADE

    Estes recoñecementos son o reflexo do compromiso co estudo dos nosos alumnos e alumnas, así como da dedicación do profesorado e o apoio das familias. Desde o IES Chan do Monte seguiremos traballando para ofrecer unha educación pública galega de calidade que permita ao noso alumnado acadar as súas metas e contribuír á nosa sociedade democrática, como persoas cidadás críticas.

    Parabéns! Estamos moi orgullosas e orgullosos de vós e desexámosvos o mellor futuro académico e profesional.

    Seguir lendo →
  • Da dinamización e mediación lectoras á ALFIN/AMI e a visualización de datos (2026)

    Ao longo deste curso académico, o proxecto de Club de Lectura do IES Chan do Monte ampliou as súas actividades consolidadas incorporando ás mesmas a valoración anónima das obras lidas através dun formulario sinxelo en formato papel.

    Os datos recollidos neses formularios permitiron ás persoas mediadoras dos clubs de lectura da BE Os labirintos de Mogor elaborar estatísticas sinxelas, en función do xénero escollido, sobre o guión, as ilustracións, a trama, a materialidade do libro, o interese suscitado pola obra ou mesmo os diálogos. Alén disto, o alumnado manifestou se recomendaría a obra ou non.

    Unha vez maquetada a visualización dos datos, as infografías das obras valoradas foron expostas no corredor da biblioteca para seren compartidas coa nosa comunidade educativa. Xunto a unha imaxe da cuberta do libro, reproduciuse a etiqueta dos mesmos, e resto de datos do asento bibliográfico (apelidos e nome da persoa autora, ano da edición, título, lugar da edición e casa editora). Eis unha pequena selección das infografías!!!

    Así, xunto á dinamización lectora propia dos clubs tamén se traballou a ALFIN/AMI, ao interpretar a información obtida dos datos cuantitativos e ao proceder coa súa comunicación á nosa comunidade.

    Así, o alumnado lector do CL Labirinto de Mogor I de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO e de 2º BAC valorou durante cada sesión as obras que foron lidas e que recollemos deseguido.

    Mejuto, Eva e Bea Gregores (2020): A lavandeira de San Simón, Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

    Anémona de Río (2021): A proba de auga, Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

    Caloto, Iván (2025): Os rapaces só se tocan para darse de hostias, Vigo: Editorial Galaxia.

    Wagata, Konomi (2026): Gato a mi pesar, Zaragoza: Ediciones TomoDomo.

    Tanabe, Yellow (2013): Una sonrisa hasta el fin del mundo, Colombres: Milky Way Ediciones.

    Mejuto, Eva e Bea Gregores (2020): A lavandeira de San Simón, Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

    Malvárez Carleos, José (2023): Incoloro. A profecía dos sangues, Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

    Caloto, Iván (2025): Os rapaces só se tocan para darse de hostias, Vigo: Editorial Galaxia.

    Kafka, Franz (1991): A metamorfose, seguido de A sentencia, Santiago de Compostela: Sotelo Blanco Edicións.

    Orwell, George (1996): A revolta dos animais, Santiago de Compostela: Edicións Positivas.

    Marx, Karl e Friedrich Engels (2020): O manifesto comunista e outros escritos políticos, Santiago de Compostela: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC.

    Yazawa, Ai (2025): Nana, Barcelona: Editorial Planeta.

    Seguir lendo →
  • Radio escolar e ALFIN/AMI

    Ao londo deste curso, o alumnado de diferentes niveis e etapas educativas fixo uso da radio da BE Os labirintos de Mogor do IES Chan do Monte para xerar contido dixital e, previamente, pór en práctica a súa alfabetización mediática e informacional (ALFIN/AMI), isto é, buscar a información, transformala e comunicar o coñecemento.

    Deste xeito, desde o Departamento de Lingua Castelá e Literatura, o alumnado de 1º BAC de Literatura Universal empregou os recursos do espazo da radio para coñecer como funciona tecnicamente.

    Pola súa parte, e tamén desde o Departamento de Lingua Castelá e Literatura, o alumnado de 1º ESO de Lingua Castelá e Literatura coñeceu, da man do seu profesorado, todo o proceso de elaboración dun programa de radio, previo á gravación dixital. Este alumnado, que chegou ao centro con coñecementos e habilidades neste campo adquiridos na etapa educativa previa, gravou diferentes podcasts sobre unha obra de teatro radiofónico e sobre contidos de non ficción, en concreto, sobre o concello de Marín e sobre as mellores cousas de estudar no IES Chan do Monte.

    Seguir lendo →
  • Repensar e mellorar os espazos da BE (2026)

    Ao longo deste curso académico, o EABE tivo entre os seus obxectivos repensar os espazos da nosa biblioteca para que fosen máis adecuados ás súas funcións e máis acolledores para as persoas usuarias.

    Nos cursos pasados habilitamos o antigo arquivo da biblioteca para situar nel e consolidar a nosa radio. Alén disto, procuramos no centro un espazo para a calma, onde poder realizar lecturas compartidas e celebrar as sesións do noso club de lectura Labirinto de Mogor I, especificamente co alumnado da ESO, máis devagar.

    Este ano, grazas a colaboración do profesorado do centro, conseguimos mellorar estes dous espazos, empregando para isto materiais de refugallo. Así, incorporamos unha pequena mesa que recibiu unha segunda vida, unha vez que foi arranxada polo noso alumnado do 2ª ano de FPB de Mantemento de Vivenda, guiado polo seu profesor Óscar.

    Alén disto, conseguimos unha pequena mellora acústica no espazo da radio grazas á disposición das oveiras decoradas, que previamente foran empregadas na decoración que o centro fixera para o tempo do Entroido. Non sería posible esta última intervención sen a estimada axuda do noso alumnado do 1º curso do CM de Actividades Comerciais, que foi guiado pola nosa compañeira Almudena Orjales.

    Moitas grazas por facer dos espazos da biblioteca un lugar mellor e máis funcional!

    Alén disto, ese imponente arco da vella tamén nos lembra que estamos no mes de xuño, en que conmemoramos a visibilidade LGBTQIA+ e a diversidade afectivo-sexual.

    Seguir lendo →
  • Derradeiras sesións do club de lectura Labirinto de Mogor I (2026)

    Neste último mes decorreron as derradeiras sesións do club de lectura Labirinto de Mogor I do IES Chan do Monte, destinado ao noso alumnado.

    O gozo de ler; a lectura como evasión

    Nesta ocasión as alumnas de 2º BAC decidiron reunirse co profesorado mediador para ler o volume primeiro da serie manga Nana, escrita e ilustrada por Ai Yazawa. A sesión decorreu o día 12 de maio, durante o tempo de recreo, nos espazos da biblioteca. Nela houbo tempo para compartir as inquedanzas que suscitou a lectura, ou analizar as inspiracións visuais da autora á hora de transferir ás personaxes protagonistas, entre outras cousas, o estilo da deseñadora Vivienne Westwood ou a cultura punk.

    As persoas mediadoras dos clubs de lectura do IES Chan do Monte queremos agradecer ás nosas alumnas de 2º BAC a súa implicación e continuidade no club de lectura, durante este curso académico tan decisivo. Durante todo o curso foron quen de propor obras de moi diversa índole e de adaptar os seus tempos (de lecer e de estudo) ás sesións do club. Novamente, constatamos que a lectura serve como medio de evasión, mesmo durante as arduas semanas de superación e preparación de 2º BAC e da PAU.

    Unha ESO lectora

    Hoxe, 2 de xuño de 2026, tamén decorreron as últimas sesións deste curso académico, para os niveis da ESO. Neste ocasión, o alumnado (1º e 2º ESO) puido falar sobre o manga Gato a mi pesar de Konomi Wagata, que gañou o 65º Premio de Manga Shogakukan, na categoría infantil. Pola súa banda, o alumnado de 3º e 4º da ESO comentaron a peza teatral Os rapaces só se tocan para darse de hostias de Iván Caloto, que trata sobre o acoso escolar.

    Como durante todo o curso, valoraron as obras lidas para o librómetro que compartiremos ao longo das últimas semanas de curso coa comunidade educativa.

    Seguir lendo →
  • Programación de Probas Libres 2025-2026
  • Obradoiro-Concurso sobre deseño galego e creatividade (2026)

    Mércores / 4ª-feira, 27 de maio, o alumnado de 1º ESO realizou un obradoiro e concurso creativo que axuntou deseño e creatividade, dous dos piares básicos da temática das bibliotecas escolares galegas para este curso 2025-2026.

    Partindo dunha actividade programada polo EABE Os labirintos de Mogor para este curso, que tivo que ser reformulada por razóns loxísticas, o alumnado de 1º ESO traballou en grande grupo con diferente información sobre a obra de artistas galegos vinculados co Movemento Renovador, como Luis Seoane, Laxeiro, Carlos Maside, Maruxa Mallo ou Isaac Díaz Pardo.

    Do Laboratorio de formas ao noso deseño

    Realizada a parte máis expositiva do obradoiro, o alumnado, espallado polos espazos da biblioteca escolar, deixouse levar pola súa creatividade e realizou diversos deseños inspirados no traballo investigador, artístico e cultural que levou adiante o Laboratorio de Formas, creado na Arxentina en 1963 por Isaac Díaz Pardo, Andrés Fernández-Albalat Lois e Luis Seoane.

    Completada esa fase inicial, cada discente procedeu a escoller un deseño propio e montou unha chapa inspirada nas liñas estéticas da rede cultural e industrial que guiou e coordinou Isaac Díaz Pardo.

    Deixamos, deseguido, a chapa seleccionada como favorita deste obradoiro-concurso, por cumprir con todas as pautas que se explicaron no inicio da actividade e por deixarse inspirar polos deseños analizados durante o obradoiro-concurso.

    Veñan máis actividades coma esta, pois aprenden ao noso alumnado que a cultura e a arte galega están á mesma altura que outras expresións artísticas europeas e universais!

    Seguir lendo →