Obradoiro de ilustración do CL LM I (2026)
- 03
- Mar
- 26

O martes 3 de marzo de 2026 o noso alumnado lector da ESO, integrado no Club de Lectura Labirinto de Mogor I, realizou un obradoiro de ilustración coa artista e ilustradora canguesa Sarai Lorenzo, tamén coñecida como Raisa.

A obra de Sarai foi exposta no centro nos meses previos, dentro da actividade Ilustrísimas que procura dar a coñecer entre a nosa comunidade educativa a obra artística realizada por mulleres artistas do noso país.

Durante as semanas previas ao obradoiro, as persoas mediadoras dos clubs de lectura do centro anunciaron a actividade con diferentes carteis que sinalaban a chegada dunha sorpresa para as persoas lectoras do noso club de alumn@s.

O obradoiro de ilustración resultou excepcional. Unha proposta de dinamización lectora que transcendeu o texto para explorar novos modos de achegamento ao libro a través da creación artística.
A técnica da mancha converteuse na ferramenta de expresión e descoberta, permitindo dar forma visual ás emocións, ás historias e ás personaxes que habitan o noso imaxinario. Os espazos da BE Os labirintos de Mogor novamente foron testemuña desta experiencia inspiradora, en que o noso alumnado participou con entusiasmo, emoción e sorpresa.



Con aqueles deseños que foron cedidos á biblioteca, o EABE montou a exposición Manchas que pode ser visitada pola nosa comunidade educativa no corredor que dá acceso á nosa biblioteca.


Moitas grazas, Sarai, pola túa implicación!!!
Actividades coma esta amosan que fomentar a lectura é tamén promover a imaxinación, o pensamento creativo e a sensibilidade estética, facendo da arte unha ponte poderosa entre palabra e imaxe.