IES Chan do Monte

Mes da ciencia en galego na biblioteca (2025)

Pechamos un mes de novembro moi intenso na BE Os labirintos de Mogor, que, un ano máis, achegou as ciencias e o coñecemento científico en lingua galega ao noso alumnado, con diferentes actividades de dinamización.

Este ano o EABE continuou a dinamizar fondos específicos vinculados con esta temática e, alén disto, montou un pequeno museo interactivo onde o noso alumnado puido manipular in situ diferentes experimentos relacionados coa presión, o son ou o corpo humano, sempre guiados polo profesorado que fai parte do equipo da biblioteca.

Ademais do Mes da ciencia en galego na BE, durante as últimas semanas do mes, foi exposto un panel informativo sobre a diabetes que elaborou o noso marabilloso alumnado de 2º BAC, que cursa a materia de Bioloxía coa profesora Susana Montes, para visibilizar esta doenza pola 14 de novembro. Cabo das infografías, foi situada unha mesa con diferente información sobre esta enfermidade, os seus tipos, o seu control e tratamento! Así, o alumnado coñeceu, de primeira man, como é a molécula da insulina, como funciona un medidor de glucosa e outra información relevante sobre a diabetes.

Por último, na pasada 4ª feira 26 de novembro, realizamos o primeiro desafío mensual de O fío de ouro. Descifrando os retos dos labirintos de Mogor, desta volta centrado no traballo científico e industrial de Marie Skłodowska-Curie, Rosalind Franklin e Ángela Ruiz Robles.

Un ano máis, a BE Os labirintos de Mogor sumouse, deste modo, á visibilización das ciencias en lingua galega nas bibliotecas dos centros educativos públicos, pois, tal e como recolle a enxeñeira industrial, doutora, investigadora e catedrática da UVigo Concepción Paz Penín no seu manifesto, as bibliotecas son parte esencial do ecosistema de innovación galego, “non só como espazos físicos, senón como nodos de encontro, conexión social e aprendizaxe permanente”.