Mat-Lab 25/26
- 29
- Xuñ
- 26
O IES Chan do Monte formou parte este curso do proxecto Innova-Lab na modalidade Mat-Lab, unha iniciativa que achega a matemática e a tecnoloxía ao alumnado dunha forma innovadora e práctica.
A través desta experiencia, o alumnado de distintas materias STEM desenvolveron a súa competencia matemática e tecnolóxica, reforzaron a capacidade de resolución de problemas e potenciaron a súa creatividade mediante actividades que combinaron a manipulación de materiais físicos co traballo no eido dixital.

Concurso de fotografía xeométrica
O alumnado de 2.º ESO, 4.º ESO, 2.º FPB de Informática de Oficina e 1.º de Bacharelato participou no I Concurso de Fotografía Xeométrica, unha actividade que puxo de manifesto o talento artístico e a mirada creativa do noso estudantado e que estivo exposta na biblioteca do centro durante o mes de marzo e principios do mes de abril.

A calidade das fotografías presentadas fixo que a deliberación do xurado fose todo un reto. Finalmente, resultaron elixidas catro obras, ademais dunha mención de honra. Parabéns a todos e todas as participantes!
Obradoiro de manipulación de figuras planas e deseño de mosaicos
O alumnado de 4.º ESO traballou con materiais do obradoiro Te lo cuentan las matemáticas nunha actividade práctica de manipulación coa famosa píntega de Escher. A través desta experiencia, o alumnado explorou de xeito visual e táctil conceptos xeométricos como os xiros, as traslacións e as simetrías, elementos presentes en numerosas obras artísticas e, en particular, nos teselados.



Nunha segunda parte desta actividade manipulativa, o alumnado reforzou estes conceptos manipulando teseliñas, unha actividade práctica que lles serviu de preparación para dar o salto ao deseño do seu propio mosaico.


Inspirados nos mosaicos da Alhambra, nas obras de Escher e nos deseños de Sargadelos, o alumnado de 4.º ESO deu un paso máis e aventurouse a crear os seus propios mosaicos.
O proceso comezou de xeito manipulativo, deseñando e compoñendo as pezas a man, para rematar vendo como os seus creacións cobraban vida grazas á cortadora láser e a cartoliñas de cores. Matemáticas, arte e tecnoloxía unidas nun mesmo proxecto!

Obradoiro de construción de poliedros con diferentes materiais
O alumnado de 4.º ESO e 2.º FPB de Informática de Oficina mergullouse no mundo dos poliedros construíndo os sólidos platónicos de tres formas distintas: con pezas de plástico ensamblables, mediante papiroflexia (os cales foron expostos na biblioteca do centro) e artellando varas de madeira con vértices feitos grazas á impresora 3D do centro.




Escape Room Dixital
O alumnado de 4.º ESO e 2.º ESO puxo a proba os seus coñecementos de xeometría nunha Escape Room ambientada nos petróglifos de Mogor, combinando o noso patrimonio cultural coas matemáticas.



Deseño e impresión de figuras 3D
O alumnado de 2.º FPB de Informática de Oficina deseñou os trofeos que se entregaron aos gañadores do I Concurso de fotografía xeométrica e ao gañador do V Torneo de Xadrez do IES Chan do Monte.
Durante o proceso, o alumnado tivo que deseñar o que querían conseguir cunha limitación de dimensións para poder imprimilos na impresora 3D e cunha condición, que os trofeos estivesen formados por pezas xeométricas recoñecibles, pois foi parte do proceso o cálculo do volume ocupado por cada un dos trofeos.



Posteriormente puideron levar a cabo o deseño na aplicación tinkercad para, finalmente, imprimir en 3D os trofeos seleccionados. Entre a variedade de trofeos deseñados foron seleccionados dous como trofeos gañadores, resultando dúas pezas dignas dos campións e campionas de ambos concursos.



Parabéns a todo o alumnado pola súa participación e o bo resultado, e parabéns tamén aos gañadores e gañadoras que puideron levar o trofeo a casa!
Pola súa parte, o alumnado de 2.º ESO fixo unha transformación de imaxes 2D a volumes 3D partindo dalgunhas das fotografías do Concurso de Fotografía Xeométrica. O proceso comezou convertendo cada imaxe nun mapa de relevo coa ferramenta 3dp.rocks/lithophane, onde o ton de cor de cada píxel determinou a súa altura. O modelo resultante procesouse despois cun software de laminación (configurando altura de capa, recheo e soportes) ata obter o arquivo .gcode listo para a impresora. O resultado: a xeometría capturada nunha fotografía, materializada capa a capa nun obxecto real.
Ademais, o alumnado de 4.º ESO participou nun concurso de deseño de robots con figuras xeométricas básicas. Velaquí algunhas das súas creacións:




Manexo dunha cortadora láser
O alumnado de 2.º ESO achegou a xeometría ao mundo real a través da cortadora láser. Primeiro deseñaron formas xeométricas sinxelas en formato dixital e despois executaron os cortes coa máquina, combinando o traballo matemático coa fabricación dixital. O resultado foron as pezas que decoraron o centro durante o entroido.
Continuará…
Esperamos que o Mat-Lab continúe o próximo curso ampliando as súas actividades, co compromiso de seguir achegando as matemáticas e a tecnoloxía ao alumnado dunha forma significativa e conectada coa realidade.