Herbarios creativos na BE Os labirintos de Mogor (2026)
- 19
- Mai
- 26
Da ALFIN/AMI e da CDU 57 e 58 á creatividade
Chegada a primavera, para o día 19 de maio de 2026, o EABE deseñou un pequeno obradoiro para o alumnado de 1º BAC, que tivo como obxectivo pór en práctica algunhas das destrezas básicas relacionadas coa alfabetización mediática e informacional, co coñecemento das especies botánicas dos nosos patios e coa creatividade.

Para comezar, o alumnado localizou nos patios, coa axuda do profesorado, diferentes especies botánicas que crecen nas zonas verdes do noso centro, entre elas, o Geranium robertianum, o Trifolium pratense, a Fragaria vesca ou a Chelidonium majus. Despois de realizar unha observación in situ recolleron algúns exemplares e dirixíronse para os espazos da biblioteca.



Partindo da selección realizada, o alumnado procurou información sobre estas especies en diferentes guías botánicas e álbumes ilustrados, empregando, por exemplo, os índices, as ilustracións e as fotografías destes textos discontinuos.



Esta actividade permitiu pór en práctica a procura da información, un dos alicerces básicos da ALFIN/AMI segundo a experta Glòria Durban. Así mesmo, o obradoiro permitiu dinamizar fondos da biblioteca e, en última instancia, axudou ao noso alumnado a coñecer mellor a biodiversidade da nosa contorna educativa, así como as especies que están catalogadas como invasoras.
Unha vez que escudriñaron a información nos recursos da biblioteca, os alumnos e alumnas comezaron co proceso de prensado dos exemplares recolectados para elaboración ulterior dun sinxelo herbario.



A reencontro entre as actividades programadas.
Así, empregando papel secante do laboratorio de Ciencias Naturais e vellos diccionarios expurgados da biblioteca, os nosos discentes deixaron as plantas e flores en fase de secado. Como base do herbario, empregouse o papel que fora elaborado polo grupo de 1º ESO e por parte do alumnado de 1º BAC durante o obradoiro específico sobre papel reciclado que decorreu durante a Semana do Libro, no mes de abril.

Nuns días poderemos observar os produtos finais deste obradoiro que axuntou coñecemento da CDU, procura e transformación da información e, sobre todo, creatividade.