Dous estudantes do IES Chan do Monte entre os Mellores Expedientes de Galicia ABAU 2024

É para nós un inmenso orgullo anunciar que dous dos nosos estudantes de 2º de Bacharelato, Martín Freire González e Claudia Parada Rivas, foron seleccionados entre os Mellores Expedientes de Galicia na ABAU 2024. Este recoñecemento pon de manifesto o seu esforzo, dedicación e talento, así como a calidade do ensino no noso centro.

Martín e Claudia participarán no acto de homenaxe MEGABAU 2024, que terá lugar o vindeiro venres 21 de xuño ás 11:30 horas no Coliseum da Coruña. Este evento, organizado conxuntamente polas tres universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, contará coa presenza das máximas autoridades académicas e políticas.

Queremos expresar a nosa máis sincera felicitación a Martín e Claudia por este logro extraordinario. Os seus resultados son motivo de gran satisfacción para toda a comunidade educativa do IES Chan do Monte, nun centro que só é liña 1.

Este recoñecemento é un reflexo do compromiso co estudo dos nosos alumnos e alumnas, así como da dedicación do profesorado e o apoio das familias. Dende o IES Chan do Monte seguiremos traballando para ofrecer unha educación de calidade que permita ao noso alumnado acadar as súas metas e contribuír a unha sociedade mellor.

Parabéns, Martín e Claudia! Estamos moi orgullosos de vós e desexámosvos o mellor no voso futuro académico e profesional.