IES Chan do Monte

Día Mundial da Estatística (2025)

Hoxe na BE Os labirintos de Mogor festexamos o Día Mundial da Estatística. Esta efeméride celébrase cada cinco anos desde o 20 de outubro de 2010, cando foi proclamada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. O obxectivo da conmemoración é salientar a importancia desta disciplina matemática na formación de políticas públicas e na promoción do desenvolvemento sustentable.

O EABE Os labirintos de Mogor preparou, desde hai uns días, unha pequena selección de libros que pertencen á CDU 51, para dinamizar os fondos relacionados con esta disciplina matemática.

Aproveitando a ocasión, o alumnado de Métodos Estatísticos e Numéricos de 2º BAC fixo unha actividade na biblioteca onde visualizaron o vídeo “Si España fuese un pueblo de 100 habitantes” do INE e puxeron a proba o seu coñecemento sobre as estatísticas do concello de Marín coa actividade Canto sabes do teu concello? do IGE.

Con esta actividade a BE Os labirintos de Mogor do IES Chan do Monte incidiu na importancia de ter datos fiables, traballou a confianza nos sistemas estatísticos e contribuíu á alfabetización mediática e informacional (ALFIN/AMI) do noso alumnado, desta volta, en materia de datos.