IES Chan do Monte

Día da Poesía (2026)

Como cada ano a BE Os labirintos de Mogor do IES Chan do Monte festexou durante a última semana do mes de marzo A primavera dos/as poetas, isto é, o Día Mundial da Poesía que decorre cada 21 de marzo, para conmemorar unha das expresións artísticas máis importantes da Humanidade.

A poesía, entendida como un universal cultural, acompáñanos desde a Antigüidade e é un dos principais vehículos transmisores da nosa identidade.

Este ano realizáronse diversas actuacións que tiveron como pedra angular a difusión de textos líricos en diversos espazos do centro.

Difusión e dinamización de fondos do noso catálogo

Deste xeito o EABE elaborou, como é xa habitual, unha selección de material bibliográfico sobre esta temática, que foi exposto nos espazos da nosa biblioteca durante a última semana do mes de marzo, e que dinamizou e difundiu tres tipos específicos de materiais bibliográficos: poemariosescolmas e antoloxías, e álbumes ilustrados de ficción.

Os Altofalante de Mogor enchen os patios de versos

Ademais, o día 26 de marzo, algúns/nhas docentes do centro decidiron patrullar os patios, durante o tempo de lecer, para facer a lectura pública programada de diversos textos poéticos de, entre outras figuras, Andrea Nunes Brións, Diana Kurich ou Lois Pereiro, autor homenaxeado no Días das Letras Galegas do ano 2011.

A medida que esta actividade dos Altofalantes de Mogor avanzaba, o alumnado sumouse á lectura dalgún textos, nesta ocasión, fóra dos espazos da biblioteca, para aproveitar as primeiras raiolas da primavera.

Deseño, creatividade , poesía e homenaxe a Begoña Caamaño…

Alén disto, o alumnado de 1º ESO traballou novamente a proposta didáctica sobre a temática escolar deste ano, elaborada por Desescribir para a Asesoría de Bibliotecas Escolares

Nesta ocasión houbo un texto de partida, o poema “De Circe a Penélope (ou viceversa)” escrito pola escritora galega Andrea Nunes Brións (Marín, 1984) e que tamén forma parte do seu último poemario Mapa da estría publicado en 2025 pola editora Chan da Pólvora. Este poema foi dedicado pola poeta marinense á súa amiga, a escritora e xornalista galega Begoña Caamaño, autora á que se lle dedica este 2026 o Día das Letras Galegas.

O alumnado e o profesorado repartiron os versos da composición e procederon a deixar voar a súa imaxinación misturando cores, formas e deseños tipográficos. Os deseños quedaron expostos no corredor que dá acceso á biblioteca escolar, para que poidan ser visitados pola nosa comunidade educativa.

Para completar a actividade, o EABE contactou coa escritora galega Andrea Nunes Brións, a quen estamos moi agradecido/as por contribuír a esta pequena homenaxe a Begoña coa gravación deste poema que enfeita a nosa actividade e que sumamos ao vídeo. Moitas grazas pola túa xenerosidade! Aos poucos trazamos redes que constelan escritoras e que abren os itinerarios da poesía lírica ao noso alumnado!!!

En conclusión, o EABE cinguiu a temática anual da Asesoría de Bibliotecas Escolares e do noso proxecto anual da biblioteca (IMAGO. MEMORIA. ACTIO. O deseño e a memoria, alicerces da sociedade democrática), con esta actividade-homenaxe á figura e memoria de Begoña Caamaño, á que tanto debemos. 

A poesía é un baluarte que protexe a nosa diversidade cultural e, desde esta óptica, constitúe un espello no que podemos comprender a alteridade, pois permite coñecer que existen outros mundos posíbeis, outras realidades e cosmovisións, alleas ás nosas, como aquelas que albiscou Begoña Caamaño ou que expresa Andrea Nunes Brións.