IES Chan do Monte

Día da edición en Galicia (2025)

Cada 17 de decembro festexamos o Día da edición en Galicia, para salientar a importancia da cultura escrita e da edición en lingua galega. 

A data desta efeméride coincide co aniversario do nacemento do egrexio editor e político galego Ánxel Casal, figura clave na modernización do mundo editorial, do ensino e da política galegos.

Fundador da Editorial Lar e da Editorial Nós, foi promotor e mestre do proxecto pedagóxico Escolas de Insiño Galego, e da súa imprenta saíron, entre outros, A Nosa Terravoceiro das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista— ou a revista Nós. O seu proxecto editorial transcende o tempo e constitúe a principal renovación nos ámbitos da edición e do deseño da Galicia do primeiro terzo do século XX.

Tendo presente esta data sinalada do calendario, a temática anual das bibliotecas escolares galegas (Biblioteca escolar + Deseño. Viaxe á creatividade) e o proxecto anual da BE Os labirintos de Mogor (IMAGO. MEMORIA. ACTIO), durante a última semana lectiva do mes de decembro, o alumnado de 1º da ESO, de 1º BAC e de 2º BAC realizou a proposta didáctica elaborada polos editores galegos Cibrán Rico e Suso Vázquez para as Bibliotecas Escolares galegas. Deste xeito, unha vez que o alumnado analizou as doce tipografías modulares deseñadas polo equipo de Desescribir, deixou voar a súa creatividade e mesturou formas e cores, para elaborar, sobre a retícula proposta, diferentes mensaxes relacionadas con estas festas.

Alén disto, como é xa habitual, o EABE realizou unha pequena mostra de material bibliográfico específico vinculado con esta efeméride.

Tal e como recolle o blog da Asesoría de Bibliotecas Escolares, o deseño acompaña de sempre a comunicación escrita, a vida cotiá, a prensa e a publicidade; é a orixe de páxinas, tipografías ou logotipos; e consegue achegar a información dun modo máis impactante ou sutil. O deseño permite, desde o coñecemento de referentes propios (entre outros moitos, a Editorial Nós, o Laboratorio de Formas ou a obra do artista galego Xosé Vizoso), tecer novos camiños e abrir novas sendas na nosa comunidade educativa.

A BE Os labirintos de Mogor tamén a prol do fomento da creatividade, do deseño e da memoria na nosa comunidade educativa, como alicerces da sociedade democrática.