Obradoiro-Concurso sobre deseño galego e creatividade (2026)
- 27
- Mai
- 26
Mércores / 4ª-feira, 27 de maio, o alumnado de 1º ESO realizou un obradoiro e concurso creativo que axuntou deseño e creatividade, dous dos piares básicos da temática das bibliotecas escolares galegas para este curso 2025-2026.
Partindo dunha actividade programada polo EABE Os labirintos de Mogor para este curso, que tivo que ser reformulada por razóns loxísticas, o alumnado de 1º ESO traballou en grande grupo con diferente información sobre a obra de artistas galegos vinculados co Movemento Renovador, como Luis Seoane, Laxeiro, Carlos Maside, Maruxa Mallo ou Isaac Díaz Pardo.
Do Laboratorio de formas ao noso deseño
Realizada a parte máis expositiva do obradoiro, o alumnado, espallado polos espazos da biblioteca escolar, deixouse levar pola súa creatividade e realizou diversos deseños inspirados no traballo investigador, artístico e cultural que levou adiante o Laboratorio de Formas, creado na Arxentina en 1963 por Isaac Díaz Pardo, Andrés Fernández-Albalat Lois e Luis Seoane.



Completada esa fase inicial, cada discente procedeu a escoller un deseño propio e montou unha chapa inspirada nas liñas estéticas da rede cultural e industrial que guiou e coordinou Isaac Díaz Pardo.



Deixamos, deseguido, a chapa seleccionada como favorita deste obradoiro-concurso, por cumprir con todas as pautas que se explicaron no inicio da actividade e por deixarse inspirar polos deseños analizados durante o obradoiro-concurso.
Veñan máis actividades coma esta, pois aprenden ao noso alumnado que a cultura e a arte galega están á mesma altura que outras expresións artísticas europeas e universais!
