1. BREVE ESTUDO SOCIOLINGÜÍSTICO
1.1. O CONTORNO SOCIOLINGÜÍSTICO DO CENTRO
O IES Chan do Monte está situado entre as vilas de Marín e Seixo, polo tanto o alumnado procede da área de influencia do concello de Marín.
Está claro que o galego ten máis presenza no ámbito rural que no urbano e o bilingüismo está máis presente nas parroquias de Seixo, Aguete, Ardán, Moledo, Pardavila, etc., mentres que na propia vila de Marín, quizais pola influencia da Escola
Naval, a recepción de inmigrantes e a proximidade á cidade de Pontevedra nótase unha progresiva castelanización, sobre todo na poboación máis nova.
Por outra banda, os usos na familia tenden a castelanizarse nestes últimos anos, e iso tamén resulta evidente no contorno do centro. Un dos factores determinantes no descenso do uso da nosa lingua está precisamente na perda do galego como lingua
materna. Os pais, a pesar de que nalgúns casos son galegofalantes habituais, cambian a súa lingua cando se dirixen aos seus fillos.
1.2. A SITUACIÓN DO ALUMNADO
Podemos dicir que entre o noso alumnado, só arredor dun 5% ten o galego como lingua inicial ou familiar. O castelán é a lingua habitual na gran maioría do alumnado en todos os ámbitos comunicativos. Destaca neste sentido a maior porcentaxe de alumnos que usan o galego nas relación cos avós, porcentaxe que diminúe significativamente no caso dos pais e dos compañeiros e amigos. Esta circunstancia está en relación coa perda de galegofalantes conforme a idade dos individuos é menor.
A escolarización en galego influíu positivamente na competencia lingüística, sobre todos nos tramos de idade que recibiron o ensino do galego; porén, esta maior competencia non se traslada aos niveis de uso agardados. É moi significativo o feito da
pouca presenza do galego nas relacións cos compañeiros e co profesorado, é dicir, no ámbito escolar, a pesar do seu uso nas materias de obrigado cumprimento.
Tendo en conta as catro destrezas básicas (entender, falar, ler, escribir) que determinan o nivel de competencia lingüística, o alumnado considérase máis competente no uso do castelán que no uso do galego. Obviamente o nivel de competencia diminúe na escrita e na lectura. Todos e todas manifestan entender e saber falar en galego mais esa competencia lingüística non se traduce en galego falantes habituais. A percepción que as alumnas e os alumnos teñen é de que acadan máis competencia lingüística en castelán ca en galego. É lóxica esta percepción xa que está relacionada directamente coas
porcentaxes evidenciadas pola lingua habitual, claramente favorables para o castelán. A competencia lingüística en calquera lingua acádase polo seu uso nos diferentes ámbitos e situacións comunicativas. Habería que ter en conta, ademais, cales son as razóns polas que un individuo, aínda tendo competencia nunha lingua, non a usa. Aí é onde ten importancia a actitude negativa que hai cara á nosa lingua. A existencia de prexuízos individuais e sociais determina que moitos posibles falantes non cheguen a facer efectiva a súa competencia. Calquera plan de actuación para a normalización lingüística que trate de fomentar o uso da lingua propia ten que incluír estratexias para vencer e superar vellos e novos prexuízos lingüísticos.
Os datos sobre o uso do galego evidencian, entre outros aspectos, que o proceso de dinamización e de fomento do uso da lingua galega no ensino resúltalle indiferente a unha gran porcentaxe do alumnado. Igualmente, moitos demostran unha actitude desfavorable ao proceso de normalización do galego, tanto a nivel educativo como a nivel social.
1.3. A SITUACIÓN DO PROFESORADO
En canto ao profesorado en relación co uso da lingua galega, as porcentaxes melloran un pouco, pero están lonxe do que sería desexable.
A maioría de profesores e profesoras proceden do ámbito urbano, ben de Marín ben de Pontevedra, e teñen tamén como lingua materna e habitual o castelán. Arredor dun 70% fala castelán no centro e a maioría sostén que a súa capacidade no emprego do
galego nas aulas é tan só regular.
1.4. A SITUACIÓN LINGÜÍSTICA DO CENTRO
No referente ao alumnado, unha porcentaxe do 90% fala habitualmente en castelán e un 98% emprega esta lingua para comunicarse cos compañeiros de clase. Aínda no caso de pais galegofalantes, o castelán é a lingua maioritaria de transmisión e de relación pais/fillos. A medida que as rapazas e os rapaces se van socializando, a presenza do galego en situacións comunicativas, á marxe das puramente académicas, vaise reducindo progresivamente. Para aumentar o número de galegofalantes cómpre levar a cabo estratexias para vencer os prexuízos lingüísticos existentes en contra da nosa lingua e
facerlles ver que as linguas están por riba dos argumentos prácticos e da súa utilidade ou non para se relacionar con falantes doutros lugares do mundo, porque por riba diso está a identidade dun pobo que ten unha lingua propia que nos define.
En canto ao profesorado, dous terzos do total, e incluso algo máis, son castelanfalantes e só empregan a lingua galega na aula se a súa materia está entre as de ensino obrigatorio en galego ou se se ven forzados a usala para cumprir a porcentaxe do 50% na equiparación co castelán.
Como se pode deducir destes datos, a realidade do noso IES é especialmente grave en relación ao emprego do galego de xeito habitual, tanto por parte do alumnado como por parte do profesorado. Se ben é certo que na nosa comunidade educativa a lingua cumpre a función institucional, sobre todo no ámbito escrito, queda moito por facer ata conseguir certa normalización do uso do galego nas aulas, como na relación cos pais e nais, nas reunións informativas ou na linguaxe coloquial. De todos os xeitos convén destacar que a actitude por parte da comunidade escolar en xeral, de cara á colaboración neste eido, é medianamente positiva.
Cómpre, polo tanto, traballar a conciencia para que o concepto negativo que algúns aínda seguen tendo sobre o emprego normalizado do noso idioma vaia cambiando de xeito progresivo. Entendemos pois, que a finalidade fundamental de Equipo de
Dinamización da Lingua Galega é a de ser conscientes do punto de partida real no que nos atopamos e aportar o que estea nas nosas mans para que esta realidade vaia mellorando.
2. MEMBROS DO EQUIPO
Persoal docente:
– Verónica Sánchez Suárez.
– María del Mar Carballo Feijoo (profesora de Lingua e Literatura Galega).
– José Manuel Domínguez Ventín (profesor de Informática).
– José Luis Aragón Seijo.
– Cristina González Dacal (profesora de Xestión Administrativa).- Isabel Paños Rodríguez (coordinadora do EDLG).
Persoal non docente:
– María Jesús Obelleiro Fragoso (conserxe).
– Serafín Lusquiños Gestido.
Alumnado:
– Elisa Martínez Rosales (2º de Bacharelato A)
– Laura Carregal Calviño (2º de Bacharelato B)
– Sabela Freire López (2º de Bacharelato B)
– Carmen García González (4º de ESO)
– Carla García Touriño (4º de ESO)
– Pablo García Álvarez (4º de ESO)
– Eva Lugueros Nedu (4º de ESO)
– Ana Rodríguez Santiago (4º de ESO)
– Marina Barcia García (4º de ESO)
– Massimo Martínez Novo (4º de ESO)
– Rubén Lusquiños Pousada (3º de ESO)
– Gisela Entenza Rodríguez (2º de ESO)
– Marco Rivas Campelo (2º de ESO)
– Antía Villaverde Boullosa (2º de ESO)
– Antonio Casal Calviño (1º de ESO)
– Martín Fernández Piñeiro (1º de ESO)
– Alan José Sánchez Borrell (1º de ESO)
Colaboradores:
– Todos os Departamentos Didácticos.
– Equipo de Biblioteca.
3. OBXECTIVOS
Os obxectivos propostos para os catro sectores mencionados no punto 1 son os seguintes:
3.1. CONTORNO SOCIOLINGÜÍSTICO DO CENTRO
– Dinamizar a lingua cara ao exterior do centro: familias, institucións, comercio…
– Fomentar o uso do galego nas novas tecnoloxías e na telefonía móbil.
– Divulgar e dar publicidade de todas as actividades e concursos nos que participan os
alumnos e alumnas do centro facendo uso da lingua galega.
– Colaborar con institucións alleas ao ámbito educativo.
– Potenciar o uso do galego en cuestións relacionadas coa cultura emprendedora e a
actividade empresarial dentro do mundo da industria, o comercio e a informática.
3.2. A SITUACIÓN DO ALUMNADO
– Concienciar ao alumnado da importancia do uso do galego en todos os ámbitos e traballar no eliminación de prexuízos lingüísticos cara á nosa lingua.
– Implicar o alumnado no labor de dinamización e normalización da lingua galega.
– Promover o uso activo de ferramentas das tecnoloxías da información e comunicación en galego, favorecendo o emprego da nosa lingua nas creacións e nos diversos intercambios dixitais.
– Fomentar o hábito lector en galego.
– Ligar o uso do galego aos modos de vida máis actuais e vangardistas, vencellándoo co mundo cultural e social actual.
– Seguir potenciando o uso do galego por parte do alumnado en cuestións relacionadas coas actividades empresariais dentro do mundo da industria, o comercio e a informática.
3.3. A SITUACIÓN DO PROFESORADO
– Incrementar a implicación do profesorado nas iniciativas normalizadoras.- Invitar ao profesorado a empregar o galego como lingua preferente no centro, tanto nos aspectos académicos como nos de relacións social.
– Mellorar a competencia do profesorado na nosa lingua, sobre todo no que se refire á expresión oral e escrita.
– Seguir potenciando o uso do galego entre o profesorado en cuestións relacionadas coa cultura emprendedora e as actividades profesionais dentro do mundo da industria, o comercio e a informática.
3.4. A SITUACIÓN SOCIOLINGÜÍSTICA DO CENTRO
– Fomentar o uso do galego, a nivel oral e escrito, por parte dos membros da comunidade educativa.
– Manter en galego toda a documentación administrativa e de xestión do centro.
– Impulsar a presenza progresiva do galego nas diferentes áreas curriculares e, en xeral, na vida do centro, para posibilitar que o alumnado acade unha maior competencia na lingua galega.
– Deseñar e coordinar campañas de sensibilización, así como actividades a favor da normalización do uso do galego, dirixidas á comunidade educativa no seu conxunto ou a un sector determinado, segundo o obxectivo específico que se pretenda.
– Garantir os dereitos lingüísticos dos galegofalantes e procurar avances nos individuos bilingües.
4. ACTIVIDADES DE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Tendo en conta a realidade sociolingüística de emprego do galego no noso contexto académico, o Equipo de Dinamización considera necesario establecer actividades de emprego e fomento do uso da nosa lingua tanto para o alumnado como
para as familias e tamén actividades relacionadas co centro en xeral e o profesorado en particular.
A posta en marcha de certas actividades das que a continuación se relatan dependerá do orzamento destinado a este fin e da contía da axuda concedida por parte da Xunta ao noso EDLG.
De igual maneira, se o centro conta co debido financiamento, poderanse facer máis actividades das programadas, se van xurdindo e se consideran necesarias.
4.1. CONTORNO SOCIOLINGÜÍSTICO DO CENTRO
OBXECTIVOS
– Dinamizar a lingua cara ao exterior do centro: familias, institucións, comercio…
– Fomentar o uso do galego nas novas tecnoloxías e na telefonía móbil.
– Divulgar e dar publicidade de todas as actividades e concursos nos que participan os alumnos e alumnas do centro facendo uso da lingua galega.
ACTIVIDADES
– PERFIL FACEBOOK: CANDO AS POMBAS DESAPARECERON
O Equipo de Biblioteca, en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, abriu hai catro anos un perfil na rede social Facebook co nome Cando as pombas desapareceron. Tratarase de manter o contacto no posible ou, de no ser o caso,
abrir outro alternativo vinculado directamente ao noso instituto.
Nel trátase de compartir artigos relacionados coa literatura (galega e doutras nacionalidades); música de bandas e cantautores de distintos países (incluída a galega, por suposto), centrando a atención naquelas e naqueles que coidan as letras das súas
cancións; novas relacionadas coas distintas artes e a cultura, sobre todo as que teñan que ver coa literatura (adaptacións cinematográficas de obras literarias, exposicións onde se relacionen artes plásticas e poesía, contos ilustrados e cómics, arte das rúas e graffitti, etc.).
Tamén, en colaboración co Departamento de Orientación, comparte posts que fan reflexionar sobre temas relacionados co xénero e nos que se dea visibilidade ao traballo das mulleres escritoras, artistas, etc.; outros están máis relacionados coa convivencia nos centros de estudo, poñendo a énfase nos temas de discriminación (sexual, racial, lingüística…) e no acoso escolar e violencia en xeral.
Por outro lado, convocamos concursos dixitais, destinados normalmente ao alumnado, pero nalgúns casos tamén incluímos ás familias, permitindo que participen pais e nais.
Tamén se usa esta conta de Facebook para dar publicidade a actividades e eventos culturais que facemos no propio instituto ou fóra del, coma a asistencia a obras de teatro, mostras de arte relacionadas con diversos temas, charlas e obradoiros
organizados polos distintos departamentos, exposicións de novidades literarias e de cómics adquiridos para a nosa biblioteca, etc.
Pensamos que este perfil de Facebook dinamiza o uso do galego cara ao exterior en canto que é unha rede social. Moitas familias de alumnos e alumnas, algunhas institucións e mesmo algunhas empresas do contorno do centro reciben información a través del. Implicitamente fomenta o uso do galego nestes ámbitos porque adoitan facer os seus comentarios na nosa lingua.
OBXECTIVO
– Colaborar con institucións alleas ao ámbito educativo.
ACTIVIDADES
– En canto á colaboración con institucións alleas ao ámbito educativo, participaremos nalgunhas actividades e campañas levadas a cabo por departamentos de institucións locais, provinciais ou autonómicas.
– Manteremos un contacto especial co concello de Marín, sobre todo coa plataforma Queremos Galego Marín.
OBXECTIVO
– Potenciar o uso do galego en cuestións relacionadas coa cultura emprendedora e a actividade empresarial dentro do mundo da industria, o comercio e a informática.
ACTIVIDADES
– Pediremos a colaboración dos departamentos de Comercio, Instalacións de Frío e Calor, e Informática para facer actividades de fomento do galego nos distintos campos profesionais.
4.2. A SITUACIÓN DO ALUMNADO
OBXECTIVOS
– Concienciar ao alumnado da importancia do uso do galego en todos os ámbitos e traballar no eliminación de prexuízos lingüísticos cara á nosa lingua.
ACTIVIDADES
– CONCURSOS DE REDACCIÓN: MICRORRELATOS DE TERROR, coincidindo coa celebración do Samaín. Propóñense dúas categorías: para os máis novos /ESO e FPB) e outra para os maiores (BAC e Ciclos).
– CONCURSO DE DECORACIÓN DE CABAZAS, para ESO e FPB, en colaboración co departamento de Plástica.
– CHARLA SOBRE COMO FALAR E ESCRIBIR EN GALEGO CON CORRECCIÓN E FLUIDEZ, DE CARLOS CALLÓN.
Programamos a intervención de Carlos Callón para falar do seu libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. De xeito desenfadado e mediante anécdotas, neste libro práctico ofrécense consellos para darmos o paso de usar o galego
e para mellorarmos a nosa calidade lingüística, desbloqueando os prexuízos e medos aprendidos e asumindo que os problemas con que nos encontramos moitas veces non son de orixe gramatical, senón social.
TEMPORIZACIÓN: Unha hora/ 3º trimestre.
DESTINATARIOS: Esta actividade está pensada para 3º e 4º da ESO.
ORZAMENTO: 50 euros (gastos de desprazamento e agasallo)
– REPRESENTACIÓN TEATRAL
Agardaremos pola nova axenda para poder levar o alumnado a algunha representación teatral en galego durante o segundo trimestre, preferentemente en Pontevedra ou Santiago ou, de ser máis lonxe, engadida a algunha outra actividade (por
exemplo, en Ourense, asistir ao roteiro d’A Esmorga.
TEMPORIZACIÓN: 50 minutos, como mínimo.
DESTINATARIOS: 4º da ESO e 1º de Bacharelato.
ORZAMENTO: depende da obra, procurarase de ser posible, aproveitar algunha representación gratuíta.
OBXECTIVOS
– Implicar o alumnado no labor de dinamización e normalización da lingua galega.
– Fomentar o hábito lector en galego.- Promover o uso activo de ferramentas das tecnoloxías da información e comunicación en galego, favorecento o emprego da nosa lingua nas creacións e nos diversos intercambios dixitais.
ACTIVIDADES
– CHARLA CON ALGUNHA ESCRITORA (OU ESCRITOR): Este curso esperamos poder recibir a algunha autora que estea relacionada cos libros de lectura.
TEMPORALIZACIÓN: 2º/3º trimestres.
DESTINATARIOS: 1º/2º/3º de ESO.
ORZAMENTO: 25 euros (agasallo)
– CELEBRACIÓN DÍA DE ROSALÍA: EXPOSICIÓN DE COLAXES FORMANDO
VERSOS DE ROSALÍA DE CASTRO. O alumnado que participe deberá escoller un poemiña (ou unha estrofa dun poema) de Rosalía e ir formando as palabras con letras recortadas. Trátase de facer unha montaxe sobre cartolina combinando colores, tamaños, deseños…, de modo que o resultado final resulte atractivo. Os traballos serán expostos a semana anterior á celebración do Día de Rosalía e permanecerán ata o día 26 de febreiro. Mesmo se podería facer un concurso e premiar as dúas colaxes que máis votos obteñan por parte dos membros do EDLG (un para alumnado de 1º, 2º, 3º e FPBásica; outro para Bacharelato e Ciclos Formativos). O premio sería un vale de 30 euros para mercar libros en galego.
TEMPORIZACIÓN: Terceira e cuarta semana de febreiro.
DESTINATARIOS: Todo o alumnado.
ORZAMENTO: 60 euros.
– CONCURSO “NAMÓRATE EN GALEGO”: Co gallo do Día dos Namorados (14 de febreiro), farase un concurso de pensamentos e dedicatorias de amor e desamor en galego, destinado a todo o alumnado do centro. O nome do gañador/a e o seu “pensamento” ou dedicatoria serán publicados na revista do centro. O premio serán dous libros de temática amorosa (unha novela e un poemario) en galego.
TEMPORIZACIÓN: Semana do Día dos Namorados.
DESTINATARIO: Todo o alumnado.
ORZAMENTO: 35 euros.- PARTICIPACIÓN NO CORRELINGUA 2017, para o primeiro ciclo da ESO. Procurarase de novo a colaboración do departamento de Plástica para poder realizar una pancarta.
– COMUNICACIÓN DIXITAL A TRAVÉS DA REDE SOCIAL FACEBOOK E PARTICIPACIÓN EN DIVERSOS CONCURSOS.
Concursos dixitais: Convocaranse varios concursos a través do perfil que ten o equipo de biblioteca do centro na rede social Facebook. Os alumnos deberán participar na mesma páxina facendo uso dos seus perfís. Os concursos estarán relacionados cos libros e a literatura, en xeral, e os que participen terán que facer uso do galego nos seus comentarios.
TEMPORIZACIÓN: Todo o curso.
DESTINATARIOS: Toda a comunidade escolar, especialmente alumnado.
ORZAMENTO: 100 euros para libros de agasallo.
– DÍA DA MULLER TRABALLADORA: OBRADOIRO “ELAS. POESÍA DE MULLER”.
Este obradoiro, impartido pola poeta Dores Tembrás, está concibido para aproximarse a unha escolma de importantes autoras que permitirá analizar de cerca o seu traballo poético e as características da súa escrita dentro da poesía galega contemporánea, ao tempo que se perfilan ferramentas e cuestións de teoría poética.
TEMPORIZACIÓN: 2 horas/16 de marzo.
DESTINATARIOS: Alumnado de 1º de Bacharelato.
ORZAMENTO: 200 euros.
– DÍA DAS LETRAS GALEGAS: RECITAL POÉTICO. Elixirase un grupo de cinco alumnos/as para facer un recital de poemas de diversos/as autores/as.
TEMPORIZACIÓN: unha xornada lectiva/13 de maio.
DESTINATARIOS: Alumnado de ESO e/ou Bacharelato.
ORZAMENTO: 0 euros.
– DÍA DAS LETRAS GALEGAS: EXPOSICIÓN DE CARTEIS RELACIONADOS COA
FIGURA DE Mª VICTORIA MORENO. Como todos os anos, colocaranse os carteis que manda a Consellería de Educación coa biobibliografía de Mª VICTORIA MORENO.
TEMPORIZACIÓN: semana anterior ao Día das Letras Galegas.
DESTINATARIOS: Toda a comunidade escolar.ORZAMENTO: 0 euros.
– EXPOSICIÓN NOVIDADES LITERARIAS EN GALEGO. En colaboración co equipo de biblioteca, farase algunha exposición de libros escritos en galego en lugares estratéxicos e ben visibles para que o alumnado poida ollar, por exemplo, novidades
editoriais de escritores galegos ou mesmo novidades de autores estranxeiros traducidos ao galego. Tamén se fará de cando en vez unha mostra das novidades de cómics en galego.
– REVISTA LABIRINTO. Editarase de novo a revista do centro (Labirinto); este ano xa sairá a número 13. Terá que estar rematado a mediados do terceiro trimestre, polo que será necesario ir facendo unha recompilación de actividades realizadas polos alumnos e alumnas do centro durante todo o curso.
TEMPORIZACIÓN: mes de xuño.
DESTINATARIOS: Toda comunidade escolar.
ORZAMENTO: 1200 euros.
OBXECTIVO
– Ligar o uso do galego aos modos de vida máis actuais e vangardistas, vencellándoo co mundo cultural e social actual.
ACTIVIDADES
– DÍA DA MULLER TRABALLADORA (8 DE MARZO): EXPOSICIÓN MULLERES
ARTISTAS ACTUAIS. Faremos unha exposición no centro que terá como protagonistas a mulleres artistas galegas da actualidade. Na exposición aparecerá unha breve biografía e material gráfico sobre a artista e a súa obra.
TEMPORIZACIÓN: Primeira semana de marzo.
DESTINATARIOS: Alumnado e profesorado.
ORZAMENTO: 0 euros.4.3. A SITUACIÓN DO PROFESORADO
OBXECTIVOS
– Incrementar a implicación do profesorado nas iniciativas normalizadoras.
– Invitar ao profesorado a empregar o galego como lingua preferente no centro, tanto nos aspectos académicos como nos de relacións social.
ACTIVIDADES
– En colaboración co Departamento de Informática, crearase un espazo para as novas do EDLG na páxina web do centro.
– REVISTA LABIRINTO. Ademais de traballos do alumnado, incluiranse na revista: unha sección dedicada ao homenaxeado no Día das Letras Galegas, comentarios do profesorado, pasatempos, recomendacións literarias para o verán, novidades literarias da biblioteca, noticias relacionadas co centro, fotografías de alumnado e profesorado,
resumo do acto de graduación de alumando de 2º de Bacharelato, unha sección coas actividades realizadas polos distintos departamentos e, en especial, as propostas polo EDLG para este curso. Case todos os anos contamos coa colaboración do profesorado dos seguintes departamentos: Lingua Galega, Lingua Castelá, Lingua Francesa, Lingua Inglesa, Ciencias Sociais, Educación Plástica, Música, Departamento de Orientación, Ciclo de Instalacións de Frío e Calor, Ciclo de Informática e Ciclo de Comercio. Tamén se implican, ademais, a subdirectora e o director na elaboración da mesma.
OBXECTIVO
– Mellorar a competencia do profesorado na nosa lingua, sobre todo no que se refire á expresión oral e escrita.
O EDLG axudará ao profesorado sempre que necesite resolver dúbidas sobre a lingua galega, tanto oral como na escrita.
OBXECTIVO
– Seguir potenciando o uso do galego entre o profesorado en cuestións relacionadas coa cultura emprendedora e as actividades profesionais dentro do mundo da industria, o comercio e a informática.
Pediremos a colaboración do profesorado de Ciclos Formativos á hora de facer algunha exposición, algunha campaña publicitaria ou para divulgar información a través de medios dixitais. Sempre facendo uso do galego, claro está.
4.4. A SITUACIÓN SOCIOLINGÜÍSTICA DO CENTRO
OBXECTIVO
– Fomentar o uso do galego, a nivel oral e escrito, por parte dos membros da comunidade educativa.
ACTIVIDADES
– Durante todo o curso farase uso duns taboleiros, dispostos en lugares visibles do centro, para informar sobre actividades e dar avisos relacionados coa dinamización do galego.
Asi por exemplo, exporanse traballos de alumnos, avisos de concursos, carteis e viñetas relacionadas coa lingua, noticias, etc.
– “Os meus versos favoritos”: O persoal non docente do centro entregará durante o mes de abril (coincidindo co Día do Libro) un papel cos seus versos favoritos de entre unha lista de autores/as galegos/as. Logo pódese facer con eles unha recompilación para a revista do centro. Un/unha dos que participen entrará nun sorteo e recibirá un libro a modo de agasallo.
TEMPORIZACIÓN: 23 de abril.
DESTINATARIOS: Persoal non docente.
ORZAMENTO: 15 euros.
OBXECTIVO
– Impulsar a presenza progresiva do galego nas diferentes áreas curriculares e, en xeral, na vida do centro, para posibilitar que o alumnado acade unha maior competencia na lingua galega.
O EDLG velará polo cumprimento do Decreto de Plurilingüismo no ensino non universitario, comprobando que se imparten en galego as materias onde é obrigatorio, e impulsará a presenza do mesmo no maior número de áreas curriculares posible, para que polo menos se manteña a porcentaxe do 50%.
OBXECTIVO
– Manter en galego toda a documentación administrativa e de xestión do centro.
ACTIVIDADE
Igualmente, o EDLG comprobará que se utiliza o galego na documentación administrativa e de xestión do centro e denunciará os casos nos que non se faga.
OBXECTIVO
– Deseñar e coordinar campañas de sensibilización, así como actividades a favor da normalización do uso do galego, dirixidas á comunidade educativa no seu conxunto ou a un sector determinado, segundo o obxectivo específico que se pretenda.
ACTIVIDADE
– CONCERTO DE FINAL DE CURSO. Gustaríanos rematar o curso cun concerto dalgún cantor/cantora ou banda que faga música con letras en galego.
TEMPORIZACIÓN: Finais de xuño
DESTINATARIOS: Toda a comunidade escolar.
ORZAMENTO: 600 euros.
A coordinadora do proxecto comprométese a desenvolver as actividades programadas no caso de obter o financiamento suficiente.
Isabel Paños Rodríguez
Marín, 15 de outubro de 2017