Derradeira sesión do club de lectura Labirinto de Mogor II (2026)
- 20
- Mai
- 26
Vimos de celebrar a derradeira sesión do club de lectura para persoas adultas Labirinto de Mogor II do IES Chan do Monte. Nesta ocasión, a obra escollida para o encontro foi Circe e o pracer do azul, a primeira novela da escritora e activista galega Begoña Caamaño, autora homenaxeada nesta edición das Letras Galegas.



Durante a sesión, as persoas asistentes puxeron en valor a enorme actualidade do discurso presente na novela, destacando que moitas das cuestións que aborda continúan plenamente vixentes na sociedade actual. Tamén se salientou a calidade da prosa da autora, cunha adxectivación moi coidada e precisa, así como o profundo traballo de documentación e elaboración que caracteriza toda a súa obra literaria.
Outro dos aspectos máis comentados foi a importancia de repensar a historia e a mitoloxía desde unha perspectiva feminina, achegando novas lecturas e interpretacións ás figuras clásicas. Neste sentido, destacouse a necesidade de actualizar os relatos mitolóxicos e aproximalos ás preocupacións e realidades contemporáneas.
As persoas participantes valoraron especialmente o uso da literatura epistolar na novela, un recurso que permite comprender mellor as personaxes e afondar na relación coa interlocutora. Finalmente, reflexionouse arredor da conveniencia de dedicar as Letras Galegas a pensamentos e discursos máis próximos ás sensibilidades modernas e actuais, capaces de conectar coas novas xeracións lectoras.