Club de Lectura Labirintos de Mogor I: Cartas de Inverno
- 16
- Dec
- 20
Teresa, Xabier e Adrián, tres amigos, un amor non correspondido, unhas cartas misteriosas, un anuncio de xornal, a venda dunha casa enmeigada, o lugar de Doroña –ese cronotopo misterioso e telúrico–, o libro de gravados, os sucesos estranos difíciles de explicar desde a óptica da razón humana… En definitiva, o misterio de Vilamaior… foron os elementos diexéticos sobre os que os nosos lectores e lectoras máis novos (1º ESO) conversaron na segunda sesión do club de lectura do IES Chan do Monte, neste curso académico 2020-2021.
A pandemia non puido cos devezos lectores do noso alumnado que sentiu o desexo irrefreábel de rematar a novela Cartas de inverno do escritor Agustín Fernández Paz, coa que experimentaron, a un mesmo tempo, medo e intriga.
Esta novela, que namorou a xeracións de lectoras e lectoras dos centros galegos e foráneos, festexa o seu primeiro cuarto de século. Vintecinco anos despois da súa publicación, o petróglifo de Mogor transfórmase no elo simbólico que cingue esta novela do Agustín co alumnado lector do noso centro, estabelecendo así xeografías literarias que son clásicas e novas, que unen Berlín e Trieste con Santiago de Compostela, que vinculan os espazos lonxanos da terra dos Andrade coas raigañas megalíticas da comarca do Morrazo.
As palabras do Agustín ecoan xa nos nosos cativos e cativas. Cheguen moitas máis, pois, como sabemos, os libros son un bo acougo para os tempos difíciles.
Moitas grazas, Agustín, por facer parte de tantas xeracións lectoras. Sempre presente na nosa memoria. Legendo discimus.