IES Chan do Monte Marín

AS MELLORES NOTICIAS SOBRE A PAU!!!

TRES ALUMNAS DO CENTRO GALARDOADAS CO PREMIO MEGAU

Para o profesorado do IES Chan do Monte é unha inmensa alegría anunciar que tres das nosas alumnas de Bacharelato foron galardoadas co premio Mellores Expedientes de Galicia nas probas de acceso á Universidade (MEGAU), Victoria Gil Villanueva, Celia Freire González e Laura Miranda Argibay.

Este galardón recoñece a dedicación, mérito, esforzo, traballo e talento do alumnado e do profesorado do centro na consecución destes resultados.

Victoria, Celia e Laura participarán no Acto de recoñecemento aos Mellores Expedientes de Galicia nas probas de acceso á Universidade (MEGAU), que se celebrará o próximo venres, 19 de xuño, ás 17:00h no Edificio Multiusos Fontes do Sar da cidade de Santiago de Compostela. Este evento, organizado conxuntamente polas tres universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, contará coa presenza de autoridades académicas e políticas.

A Comunidade Educativa do IES Chan do Monte desexa parabenizar as nosas alumnas por este logro extraordinario, tanto no ámbito das Ciencias e da Tecnoloxía como no ámbito das Ciencias Sociais e Humanidades. Os seus resultados son motivo de gran satisfacción para toda a comunidade educativa do IES Chan do Monte, nun centro que só é liña 1.

100% DE ALUMNADO APTO NA PAU

Alén disto, o centro tamén quere salientar que o 100% do alumnado que participou na convocatoria ordinaria da PAU obtivo o merecido e desexado apto.

EDUCACIÓN PÚBLICA GALEGA DE CALIDADE

Estes recoñecementos son o reflexo do compromiso co estudo dos nosos alumnos e alumnas, así como da dedicación do profesorado e o apoio das familias. Desde o IES Chan do Monte seguiremos traballando para ofrecer unha educación pública galega de calidade que permita ao noso alumnado acadar as súas metas e contribuír á nosa sociedade democrática, como persoas cidadás críticas.

Parabéns! Estamos moi orgullosas e orgullosos de vós e desexámosvos o mellor futuro académico e profesional.