Semana do Samaín e Defuntos (2025)
- 30
- Out
- 25
Estes días vivimos na BE Os labirintos de Mogor unhas xornadas inesquecibles, cheas de creatividade, emocións e moita diversión. Así, hoxe festexamos o Samaín e Defuntos cunha chea de actividades que puxeron a imaxinación a voar e fixeron tremer a máis dunha persoa! O alumnado e o profesorado involucráronse para garantir o éxito da III CASTAÑADA TERRORÍFICA do IES Chan do Monte.



Durante esta semana, os primeiros cursos da ESO participaron no concurso creativo de relatos de terror e de epitafios, onde deron mostra do seu talento e do seu enxeño, creando historias arrepiantes e epitafios cheos de humor e misterio. Os textos presentados sorprenderon polo seu talento, humor e orixinalidade, e demostraron que a inspiración tamén pode nacer entre pantasmas e lápidas literarias.
Durante o festival, as actuacións dos grupos e do profesorado puxeron o broche artístico á celebración, enchendo o salón de actos de música en directo, xogos, algún que outro baile e, sobre todo, moita enerxía positiva.
Non faltou na castañada o tradicional magosto, no que gozamos dunha deliciosa degustación de castañas acompañadas dun ambiente festivo e acolledor, que nos fixo lembrar o sabor do outono e a importancia de compartir momentos en comunidade.
Ademais, este ano a celebración contou cunha xincana de xogos tradicionais e cunha pasaxe do terror. As risas, sustos e algunha que outra sorpresa inesperada fixeron que ninguén quedase indiferente.
E, como non podía faltar, o EABE preparou a xa tradicional selección especial de libros de terror, perfecta para quen queira seguir vivindo e experimentando esta temática a través da lectura.
Foi esta unha semana chea de participación e moita ilusión no IES Chan do Monte e na BE Os labirintos de Mogor, onde se uniu o traballo individual de cada grupo e dos diferentes equipos do centro. Grazas a todas e todos os que colaborastes para facer desta celebración un éxito. Xa estamos desexando repetir o ano que vén! 🎃📖🍁 👻🍂

