Premiados na X edición de OUFF

O IES Chan do Monte ven de gañar coa súa curtametraxe “Pulso” o segundo premio da X edición dos Premios de Cine OUFF Escola, certame convocado pola Concellaría de Cultura do Concello de Ourense xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Diploma acreditativo 2º premio

“Pulso” é unha curtametraxe que debuxa un escenario distópico nun mundo no que o cambio climático deixou de ser unha hipótese máis ou menos aceptada pola política e a sociedade, para converterse nunha realidade incuestionable. Plantéxase a necesidade de que nos concienciemos de verdade da ameaza da emerxencia climática na que vivimos e actuemos xa.

É esta unha obra feita con máis ilusión que medios. Os directores, José Luis Aragón Seijo, Verónica Sánchez Suárez e Rosa María Villar Villamil, traballaron no proxecto cun grupo de alumnado e profesorado do IES Chan do Monte ó longo de varios meses para crear unha curta de 10 minutos de duración. Necesitáronse para elo moitas horas de dedicación sempre en horario extraescolar. Contaron coa colaboración de Ambulancias Tino Esperón, a Policía Nacional, o Centro de Saúde de Marín e coa intervención de María Ramallo, alcaldesa de Marín, que participou nunha escea da mesma.