Feliz día das Letras Galegas!

Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910- Santiago de Compostela, 1990) é a figura á que se lle dedican as Letras Galegas deste ano 2020. O seu labor na revitalización e dignificación da lingua e da cultura galegas é incuestionable. Agasallounos coa escrita de divervas obras literarias, entre as que cabe destacar a súa novela Scórpio (1987), premio Nacional de Literatura. Ademais de escritor, traballou activamente no eido da crítica e da historiografía literarias e as súas achegas no campo da filoloxía foron moi importantes. A súa Gramática elemental del gallego común (1966) tivo sete edicións ata 1979 e foi un manual imprescindible para os primeiros estudantes universitarios de Filoloxía Galega. Ademais, participou na elaboración, por encargo da RAG, das súas primeiras normas ortográficas (1970) e morfolóxicas (1971).

Gustaríanos que descubrísedes un pouco máis da interesante vida e obra do homenaxeado destas Letras Galegas e por iso vos ofrecemos os seguintes recursos, que inclúen xogos e proxectos feitos por alumnado doutros centros, mozas e mozos coma vós, que amosaron interese polo seu labor a prol da nosa cultura.

https://view.gen ial.ly/5e788fb00fcfb90d9fa15618/game-dardos-carvalho-calero

https://view.genial.ly/5ea84324637c610dbf867ff2

Proxecto do alumnado do IES de Arzúa

Agardamos que despois de explorar a figura de Carvalho Calero poidades recoñecer a importancia que tivo para a posta en valor do noso idioma, obxectivo polo que tamén traballan aquelas e aqueles que, sen agardar por unha homenaxe, contribúen á normalización do galego levándoo a un escenario, trasladándoo a un filme, plasmándoo nun texto literario, dándolle cabida nun xornal, converténdoo no código dun artigo científico ou, simplemente, transimitíndoo con cariño e sen complexos á xeración vindeira. Son estas persoas as que fan que o Día Letras Galegas cobre sentido e non sexa simplemente unha festividade ritualizada. Feliz 17 de maio, HOXE E SEMPRE!

Pilar Díaz Díaz

Rosa Mª Villar Villamil