Erasmus +: Intercambio con Francia

No IES Chan do Monte realizaranse entre os anos 2018 e 2020 unha serie de mobilidades dentro do programa k229 de Erasmus + chamado “Consumo responsable por un mundo mellor”.

Trátase dun proxecto bilateral do que o noso centro é coordinador e que conta cun centro francés como socio: o Lycée Raymond Savignac situado en Villefranche de Rouergue (Francia)

Este curso xa fixemos a primeira mobilidade no mes de xaneiro, entre os días 13 e 20. Nesta ocasión un grupo de 19 escolares dos cursos de 4º ESO e de 1º BAC, acompañados de dúas profesoras, foron acollidos polas familias francesas. Foi unha semana intensa onde se compartiron actividades e traballo en común pero tamén houbo momentos para a diversión e o descubrimento do patrimonio cultural e gastronómico que nos ofrece a rexión onde está situada Villefranche de Rouergue: Occitanie.

Entre outras actividades, fíxose un percorrido polos principais mercados de Toulouse onde ademais de descubrir os produtos locais, puideron facer unha degustación dos máis típicos. Tamén visitaron as Caves de Roquefort e o mercado local de Villefranche, onde puideron entrevistarse cos comerciantes para despois sacar unha serie de conclusións sobre a importancia do consumo de produtos locais en canto ao impacto ambiental.

A segunda mobilidade será en febreiro. O alumnado francés visitará o noso instituto entre os días 7 e 14. Estarán aloxados coas familias dos seus correspondentes e tamén realizarán actividades conxuntamente ademais de asistir a clase.