Blog EDLG

INTRODUCIÓN

Cada vez son máis os indicadores sociais que nos amosan a realidade dun retroceso real do uso da lingua galega por parte da sociedade en xeral, pero moi especificamente na comunidade escolar.

A realidade do noso instituto é especialmente grave en relación ao emprego do galego de xeito habitual, tanto por parte do alumnado como por parte do profesorado. Se ben é certo que a nivel oficial e institucional se emprega o idioma, queda moito por facer ata conseguir certa normalización do uso do galego nas aulas, como na relación cos pais e nais, nas reunións informativas ou na linguaxe coloquial. De todos os xeitos convén salientar que a actitude por parte da comunidade escolar en xeral, de cara á colaboración neste eido, é bastante positiva.

Cómpre, polo tanto, traballar arreo para que o concepto negativo que algúns aínda seguen tendo sobre o emprego do noso idioma vaia cambiando de xeito progresivo. Entendemos pois, que a finalidade fundamental do Equipo de Dinamización da Lingua Galega é a de ser conscientes do punto de partida real no que nos atopamos e achegar todo o que estea nas nosas mans para que esta realidade mellore e consigamos un uso real e efectivo da nosa lingua no ámbito educativo e social.

MEMBROS DO EQUIPO

Persoal docente:

  • Rebeca Lemat Freire (coordinadora do EDLG)
  • Miguel A. Pousada Cruz
  • Pilar Díaz Díaz
  • Rocío García Casalderrey
  • Daniel González Vázquez

Persoal non docente:

  • Óscar Argibay Figueroa (subalterno)
  • María de las Mercedes Vázquez Barreiro (auxiliar administrativa)

Alumnado

  • Isaac Nogueira Lobeira (4º ESO)
  • Flavia García Couso (4º ESO)

Colaboradores:

  • Todos os Departamentos Didácticos.
  • Equipo de Biblioteca.
  • Familias
  • Centros educativos de Marín
  • Concello

OBXECTIVOS

a – Impulsar a presenza progresiva do galego nas diferentes áreas curriculares e, en xeral, na vida do centro, para posibilitar que o alumnado e o profesorado que o precise acade unha maior competencia na lingua galega.

b – Reforzar o traballo para a superación progresiva dos prexuízos e o rexeitamento do idioma entre todos os integrantes da comunidade escolar.

c – Promover o uso activo de ferramentas das tecnoloxías da información e comunicación en galego, favorecendo o emprego da nosa lingua nas creacións e nos diversos intercambios dixitais.

d – Implicar activamente a toda a comunidade educativa, en especial ao alumnado, no labor de dinamización.

e – Implicar ao alumnado e profesorado de Ciclos Formativos para que participen na organización de actividades, así como nas propias actividades, tratando de romper deste xeito a distancia que hai a nivel de relacións co alumnado de ESO, Bacharelato e FPBásica.

f – Garantir os dereitos lingüísticos dos galegofalantes e procurar avances nos individuos bilingües.

g – Mellorar as destrezas lingüísticas do alumnado e o profesorado.

h – Ligar o uso do galego aos modos de vida máis actuais e vangardistas, vencellándoo co mundo cultural e social actual.

i – Manter en galego toda a documentación administrativa e de xestión do centro.

j – Deseñar e coordinar campañas de sensibilización, así como actividades a favor da normalización do uso do galego, dirixidas á comunidade educativa no seu conxunto ou a un sector determinado, segundo o obxectivo específico que se pretenda.