Convocadas as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos nas convocatorias de maio e setembro

  • Os prazos de matrícula serán:

– Convocatoria de maio: 7 de marzo ao 18 de marzo de 2016, ambos os dous incluídos.
– Convocatoria de setembro: 1 ao 8 de xullo de 2016, ambos os dous incluídos.

Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ter cumpridos os dezaoito anos o día anterior á data de realización da proba.

2. Non estaren en posesión do título de graduado en educación secundaria.

3. Non estaren inscritas para a superación das materias de 4º curso de educación secundaria obrigatoria establecidas no artigo 7, apartado 5 da Orde do 21 de decembro de 2007 (DOG do 7 de xaneiro de 2008).

4. Non estaren nin teren estado matriculadas no curso 2015/16 nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria nin nas de formación profesional básica.

O alumnado matriculado durante o curso 2015/16 na educación secundaria para persoas adultas poderá inscribirse nas probas se previamente cumpre as seguintes condicións:

1. Para acudir á primeira convocatoria, o alumnado ten que solicitar a baixa nas ensinanzas do segundo cuadrimestre. Así mesmo, as persoas con ámbitos do primeiro cuadrimestre sen superar deberán renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.

2. Para inscribirse na segunda convocatoria, o alumnado con ámbitos suspensos no segundo cuadrimestre ten que renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.

As solicitudes de inscrición deberán presentarse en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado que figura como anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ( https://sede.xunta.es ).

Xunto coa solicitude, achegarase a seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou doutro documento equivalente cando non se autorice a súa consulta.

b) Copia cotexada, se procede, do certificado dos ámbitos da proba superados en anteriores convocatorias ou a certificación académica de ámbitos ou materias superados, de acordo coas especificacións establecidas nos números 2, 3 e 4 da epígrafe décimo primeira desta resolución.

c) Acreditación de proceder doutra comunidade autónoma ou dun país estranxeiro no caso de que se solicite a exención de lingua galega.

d) Certificación do ditame de discapacidade no caso de que se solicite o recoñecemento de necesidades especiais, cando esta fose recoñecida por outra Administración distinta da Xunta de Galicia ou non se autorice a súa consulta.

4. As persoas aspirantes formalizarán a súa inscrición nun dos seguintes centros que constituirán tribunais para a avaliación das probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

Pontevedra:

– Alumnado co primeiro apelido entre a letra A e a letra F: Centro EPA Río Lérez, avenida de Buenos Aires, 26, 36002 Pontevedra.

– Alumnado co primeiro apelido entre a letra G e a letra O: IES Frei Martín Sarmiento, avenida de Vigo, 23, 36003 Pontevedra. – Alumnado co primeiro apelido entre a letra P e a letra Z: IES Sánchez Cantón, avenida Raíña Victoria, 36001 Pontevedra.

Realización das probas: As probas realizaranse en sesións de mañá e tarde os días 27 de maio e 8 de setembro para as respectivas convocatorias.

Máis información no enlace: http://www.edu.xunta.es/portal/sites/web/files/probas_libres_2016gl_1.pdf