Bicentenario do nacemento de Charles Dickens

Acaba de saír publicado o libro A fábrica de betume (O mozo Dickens), de Vicente Muñoz Puelles, obra que coincide co nacemento deste escritor británico hai douscentos anos. Atopámonos neste libro coa biografía de Charles Dickens desde o punto de vista do seu amigo e editor John Foster. A pantasma de Dickens aparéceselle e lévao da man a coñecer o seu pasado: como foi a súa nenez, a súa terrible infancia ao verse obrigado a deixar o que máis lle gustaba que era a lectura de libros, o ter que traballar desde moi pequeno nunha fábrica de betume nunhas condicións lamentables, o abandono por parte da súa familia, etc. Móstranos aquí a súa visión da pobreza dos barrios baixos do Londres do S. XIX. Entendemos así que ao longo da súa carreira literaria aparecesen continuamente tantos nenos que sofren cando son pequenos e a dura realidade que teñen que enfrontar para poder sobrevivir.

Anímate a ler este libro cheo de anécdotas que nos achega a vida deste escritor de enorme talento ou a ler directamente algunha das súas obras. Mostrámosche as que temos dispoñibles na biblioteca do centro (en inglés e en castelán) para que as poidas coller en préstamo; tamén che pasamos a relación de libros que escribiu ao longo da súa vida por se queres botarlles unha ollada noutras bibliotecas.